O Goberno do Estado estuda recortar novos servizos ferroviarios na Galiza após 2028

Interior da estación de ferrocarril da Coruña con varios trens agardando a súa saída (Foto: Nós Diario).
O anteproxecto de Lei de mobilidade sostíbel defende suprimir liñas deficitarias.

O anteproxecto de Lei de mobilidade sostíbel e a estratexia elaborada polo Ministerio de Transporte abre a porta a fechar aquelas conexións ferroviarias consideradas polo Goberno do Estado deficitarias.

Neste sentido, a nova normativa en tramitación estabelece que “ningunha sociedade pode permitirse financiar con diñeiro público trens que vaian baleiros porque iso ten un alto custo de oportunidade e non dá resposta ás demandas de mobilidade da sociedade”.

A Administración do Estado asume a necesidade de financiar servizos públicos deficitarios por motivos de interese social. Precisamente, grazas a esa doutrina, coñecida no ámbito do transporte como obriga de servizo de público (OSP), en 2017 garantiuse a continuidade de liñas entre Vigo e A Coruña, A Coruña e Ferrol, Ourense e Vigo ou Ferrol e Betanzos.

Porén a nova lexislación en tramitación endurece as condicións para acadar a consideración de OSP, o que pode levar ao feche de determinadas liñas actualmente en funcionamento.

O Ministerio de Transporte afirma agora que a OSP debe responder a criterios de “proporcionalidade da intervención pública no mercado, a eficiencia no sistema de transporte, a eficacia e eficiencia na xestión do gasto público, a intervención temporal no mercado, a cooperación e corresponsabilidade coas Administracións públicas, así como a outros principios inspiradores da lei con carácter xeral como son os de transparencia, de rendicións de contas e responsabilidade”.

A proposta lexislativa do Goberno do Estado indica que “o transporte ferroviario é unha fórmula moi eficiente, tanto desde unha perspectiva ambiental como económica, cando o seu nivel de uso é elevado, pero non o é no caso de niveis moi baixos de utilización: por iso, non adoita a ser a mellor solución para os territorios de baixa densidade de poboación”. Na mesma liña, fixa o ano 2028 como data para revisar as liñas en vigor conforme a nova normativa en tramitación, que o Executivo do Estado conta con sacar adiante para comezos do vindeiro ano.

A redución de novas liñas ferroviarias na Galiza a partir de 2028 é unha posibilidade que considera a Xunta da Galiza ou organizacións como o sindicato CGT. Precisamente, esta organización vén denunciando nos últimos meses a supresión de determinados servizos no país desde o comezo da pandemia en marzo de 2020.