Sanidade estuda recorrer de novo ao fechamento do lecer nocturno para controlar os contaxios

Terrazas da hostalaría en Santander. (Foto: Juan Manuel Serrano Arce / Europa Press)
Fontes oficiais dalgúns territorios afirman que o Goberno central tamén lles propuxo restabelecer o toque de recoller para frear unha posíbel quinta onda da Covid-19.

O Relatorio de Alertas do Ministerio de Sanidade pensa en dar un paso atrás para frear a expansión do coronavirus entre a mocidade. Segundo transcendeu esta terza feira este departamento do Goberno español vén de facer unha proposta para fechar os locais de lecer nocturno e estudar o estabelecemento do toque de recoller, de novo, aos diferentes territorios do Estado.

Segundo as informacións que manexa Europa Press, as e os técnicos da carteira de Carolina Darias pensan que é preciso actuar "de maneira urxente" para frear a transmisión do virus, que vai camiño dunha quinta onda en pleno verán a diferencia do que aconteceu o ano pasado, cando esta época foi un dos momentos de maior calma da pandemia.

No entanto, hai que ter en conta que en lugares como Galiza este tipo de estabelecementos volveu abrir as súas portas o pasado 1 de xullo, cun límite horario fixado nas 3 da madrugada. O seguimento foi desigual, e o tema trátase na reunión do Comité Clínico, mais aínda non habería un tempo prudencial para tirar conclusións.

Iso non importa en Madrid, onde as e os expertos tamén terían sobre a mesa a limitación do horario nocturno naqueles negocios nos que non se poidan garantir o cumprimento de todas as medidas preventivas para evitar os contaxios.

Aliás, sempre atendendo ás fontes de Europa Press, as autoras do relatorio terían a pretensión de que se evite a celebración de eventos multitudinarios nos que non se respecten as normas para controlar ao máximo a evolución epidemiolóxica negativa, que na mocidade vai a máis.

O Relatorio de Alertas incide, igualmente, na necesidade de valorar a instauración de "limitacións de horario nocturno para a mobilidade" e de facer fincapé na prevención ante o virus.

Negativa

A pesar do que afirman diferentes territorios sobre a idea que lles trasladou o Executivo español, tanto o presidente do mesmo, Pedro Sánchez, como o ministro de Política Territorial e Función Pública, Miquel Iceta, negaron que se estea a traballar nesa liña de incremento das restricións.

En declaracións aos medios de comunicación, Sánchez descartou aprobar novas medidas para combater a pandemia máis aló das xa acordadas. Desta forma respondeu á petición de Castela e León para estabelecer unha hora máxima para estar na rúa e a de Catalunya sobre o lecer nas noites. O que si fixo foi pedir á mocidade que "non baixe a garda".

Pola súa parte, Iceta incidiu en que "non" está previsto estipular novamente un toque de recoller tal e como semella que pediu Castela e León ao Goberno do Estado.