O Goberno baixará ao pecio do 'Pitanxo' en 2023, en función da meteoroloxía e a dispoñibilidade de medios

Lugar onde naufragou o 'Vila de Pitanxo'. (Foto: JRCC Halifax)
Fontes do Executivo confirmárono en resposta a unha pregunta formulada polo deputado nacionalista Néstor Rego.

O Goberno estatal ten previsto realizar as operacións para baixar e inspeccionar o pecio do pesqueiro Vila de Pitanxo, naufragado o 15 de febreiro a 450 quilómetros da costa de Terranova (Canadá), ao longo do próximo ano, "tendo en conta a meteoroloxía da zona e a dispoñibilidade dos medios que interveñan".

Así o confirmou o Executivo a través dunha resposta escrita, rexistrada no Congreso o pasado 13 de decembro, a unha pregunta do deputado do BNG, Néstor Rego, sobre os trámites que está a realizar para acometer estes traballos xa comprometidos.

Na súa resposta, o Goberno remítese a unha nota informativa publicada o 18 de novembro de 2022 pola Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) sobre o estado do procedemento, que indicaba que xa se iniciaron os trámites para baixar ao pecio deste naufraxio que se cobrou a vida de 21 dos 24 mariñeiros que ían a bordo.

"A licitación tramitarase conforme coa Lei de Contratos do Sector Público e as operacións terán lugar no ano 2023, tendo en conta a meteoroloxía da zona e a dispoñibilidade dos medios que interveñan", asegura o Executivo na súa resposta.

Así, tras localizarse os restos do barco, procederase á súa inspección visual mediante un vehículo operado remotamente, coñecido como ROV, dotado de cámaras para examinar distintos aspectos do buque —como os seus equipos, as artes de pesca e o fondo mariño— que "poidan resultar de interese para a investigación de seguridade".

Así mesmo, Rego (BNG) preguntou por unhas declaracións do delegado do Goberno en Galicia, José Miñóns, que aseguraba que o Estado estaba disposto a baixar ao pecio "no momento en que a CIAIM o demande", a pesar de que a Comisión europea xa ratificara ás familias que así sería.

A respecto destas palabras de Miñóns, o Goberno apoia que foron "acordes á información achegada desde o inicio", no sentido "de que está a disposición do que indique a CIAIM e os tribunais para avanzar na investigación deste tráxico accidente marítimo".

Precisamente, o pasado 18 de decembro, familiares dos mariñeiros falecidos no naufraxio do Vila de Pitanxo recibían a confirmación por parte da CIAIM de que licitaría as operacións de procura e inspección do pecio do buque, despois de meses solicitando ao Estado que así o fixese para obter probas sobre o ocorrido o 15 de febreiro en augas do Atlántico Norte, episodio que agora investiga a Audiencia Nacional.