O Goberno español aproba o anteproxecto da lei educativa que baixa as ratios e regula as horas de docencia

A ministra de Educación, Pilar Alegría, esta terza feira, 11 de novembro. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
O texto, ratificado en primeira volta, prevé a adopción de varias medidas que buscan contribuír á mellora do sistema educativo.

O Consello de Ministros aprobou onte en primeira volta o anteproxecto de lei de mellora das condicións para o desempeño da docencia e o ensino no ámbito da educación non universitaria. Esta norma, proposta polo Ministerio de Educación, FP e Deportes, reduce a ratio de alumnado por aula e fixa un máximo de horas lectivas para os docentes en Primaria e Secundaria.

Con esta iniciativa o Goberno propón rebaixar a ratio de alumnos por clase de forma progresiva a un máximo de 22 estudantes en Primaria, etapa na que agora pode haber até 25, e a 25 en Secundaria, onde agora é de 30.

Na liña de centrar a redución de ratios na atención ao alumnado con necesidades educativas especiais, estabelece que as Administracións e os centros educativos procurarán unha distribución equilibrada do alumnado que requira unha atención educativa diferente, para garantir a inclusión equitativa e de calidade. Estabelece, ademais, que cada alumno con necesidades educativas especiais computará como dúas prazas, a efectos da determinación da cociente máxima en aulas ordinarias nas distintas etapas educativas, compensando desta maneira a maior dedicación necesaria por parte do profesorado.

No anteproxecto de lei tamén se contempla fixar un máximo de horas de docencia en aula, estabelecidas desde o próximo curso, un máximo de 23 en Primaria e 18 en Secundaria, Bacharelato e resto de ensinos. Neste sentido, aínda que os períodos lectivos impartidos teñan unha duración inferior a 60 minutos terán a consideración de hora lectiva.

O calendario de aplicación da norma prevé que a nova xornada lectiva e a consideración dobre do alumnado necesidades educativas especiais entren en vigor no curso 2026/2027. Os novas ratios comezarán a implantarse progresivamente: no curso 2027/2028 en Infantil e Primaria, en 2028/2029 en Secundaria e en 2029/2030 en Bacharelato, alcanzando a súa plena aplicación no curso 2031/2032.

Índice de vulnerabilidade

Por outra parte, o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes está a traballar co INE para o desenvolvemento dun índice de vulnerabilidade socioeconómica. Que servirá, avanzou a ministra do ramo e portavoz do Goberno, Pilar Alegría, para identificar aqueles centros que, por diferentes circunstancias, como o tipo de alumnado ou a localización, presentan unha situación de especial complexidade.

"Damos un paso moi importante con este anteproxecto de lei, porque se claramente queremos mellorar a educación, esas reformas e esas melloras non se poden facer se non contamos cos principais protagonistas, os que están todos os días á fronte das nosas aulas", manifestou Alegría, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.

A portavoz do Goberno explicou que este anteproxecto de lei "busca tamén trasladar un recoñecemento e devolver ao lugar que merecen os profesores e docentes". Igualmente, puxo en valor que esta iniciativa busca mellorar a calidade do sistema educativo español e mellorar a atención educativa dos estudantes.

Tras a aprobación do anteproxecto de lei en primeira volta, o Ministerio comezará a dialogar coas comunidades autónomas e cos sindicatos, cos que xa mantiveron diversas reunións para desenvolver esta norma, nas distintas mesas sectoriais. A ministra asegurou que ten a confianza de que este proxecto de lei sairá adiante durante a súa tramitación parlamentaria, a pesar de que Junts rompese o seu acordo co Goberno. "Espero e desexo, e desde logo ímolo traballar, para que saia adiante", resolveu.