Interior aplica a Lei Mordaza a protestas contra a LOMCE en Mondoñedo

Un momento das protestas da CIG ensino en Mondoñedo

Dez meses despois de que ducias de delegados e delegadas da CIG protestasen en Mondoñedo contra a denominada Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa  (LOMCE) e as retalladas no ensino público, o Ministerio de Interior vén de comunicarlle ao sindicato unha sanción de 300 euros en aplicación da alcumada Lei Mordaza.
 

A concentración aconteceu o 4 de outubro de 2016 perante o instituto San Rosendo de Mondoñedo, onde a raíña Letizia, o ministro de Educación e a cúpula da Consellaría de Educación inauguraban o curso 2016-2017. Aquel día, a policía empregouse a fondo para dificultar aos participantes no acto de protesta expresaren o seu malestar coas políticas educativas do Partido Popular.

 

Agora, a Delegación do Goberno fai uso da contestada Lei Mordaza e emprégaa para reprimir economicamente as protestas, tal e como no seu día advertiron que sucedería organismos de defensa dos dereitos civís.

 

"Nin nos calaron antes nin nos van calar agora, nin con provocacións nin con sancións. Seguiremos loitando coa mesma firmeza e coa mesma contundencia", avisan desde a CIG-Ensino, ao tempo que chaman "a aquelas persoas que sentan no Congreso dos Deputados a se comprometeren a derrogar tanto a LOMCE como a Lei Mordaza".