MANIFESTACIóN POLA SANIDADE PúBLICA EN VIGO

"Goberne quen goberne, a sanidade non se vende"

[Imaxe Anova-Irmandade Nacionalista]

Milleiros de persoas saíron ás rúas de Vigo para exixir o "resgate" da sanidade pública e reclamar un proceso de negociación coa Xunta que vise recuperar a xestión do Álvaro Cunqueiro mais tamén a implantación de solucións encamiñadas a paliar as consecuencias dos recortes en Atención Primaria ou noutros servizos da área sanitaria. Vídeo no interior

A mobilización foi convocada pola Xunta de persoal e a Plataforma SOS Sanidade Pública para denunciar as consecuencias dos "recortes no proxecto inicial do Novo Hospital de Vigo" mais tamén para "pór de manifesto que é posíbel resgatar a nosa sanidade pública". 

No manifesto ao que deron leitura ao remate da mobilización denunciaron as modificacións ao proxecto inicial do actual Álvaro Cunqueiro que deviñeron na supresión dos edificios de Docencia e Investigación, o Servizo de rehabilitación, das camas destinadas a coidados mínimos e intermedios para doentes con patoloxías crónicas e mesmo do denominado Hotel do Paciente destinado a aquelas persoas que viven lonxe do complexo hospitalario ou que se atopan en situacións de exclusión social. 

As carencias na atención sanitaria atinxen o CHUVI mais tamén os PAC e mesmo o Centro de Orientación Familiar e a Atención Primaria

Para alén diso lembraron a "redución de camas". Das 1.450 previstas inicialmente só se habilitaron 845 o que, aseguran desde a Xunta de Persoal e SOS Sanidade Pública, agrava "aínda máis a situación asistencial" e as "listaxes de agarda" que na área sanitaria son superiores á media (99,2 fronte a 79,8 en decembro de 2015). 

Esta redución súmase á "dispersión dos servizos asistenciais, os problemas de xestión pola existencia dunha dobre xerencia público-privada, os recurtes nos recursos de diagnose, servizos de urxencias, equipamentos de quirófanos" ou "a falta de esterilización", sinalan. 

Así mesmo, lembraron as "barreiras de acceso" xeradas nas novas infraestruturas por mor da falta dunha "alternativa integral para o transporte colectivo" que achegue a veciñanza a un hospital afastado da cidade ou a privatización do aparcadoiro "de elevado custo para os usuarios", sinalaron. 

A esta realidade, engádeselle "outras deficiencias de recursos asistenciais da área" como "o deterioro da Atención Primaria", "a limitada capacidade resolutiva dos Servizos de Urxencias Extrahospitalarios", a insuficiente atención prestada ao "dereito á saúde sexual e reprodutiva das mulleres" como resultado deos "recortes de persoal e equipamento" no COF, ou o "colapso do servizo de rehabilitación" cun número de prazas menor ás necesarias. 

Defenderon a creación dunha comisión que avalíe a reintegración do carácter público da sanidade a "curto e medio prazo"

Porén, SOS Sanidade Pública e a Xunta de Persoal fixeron énfase durante a mobilización na posibilidade de "resgatar" para o público a sanidade. Unha "boa nova", din, "diante desta desfeita". 

Resgate público

Neste senso, subliñan que "é posíbel reintegrar o Hospital Álvaro Cunqueiro ao Sistema Sanitario Público en base ás irregularidades da Lei de Contratos do Estado e da lexislación europea" así como "recuperar o proxecto" inicial para o que exixen "a creación dunha Comisión integrada por todos os sectores implicados" co obxectivo de avaliaren "os problemas e deficiencias" e elaborar un Plan de Recuperación do Centro a curto e medio prazo. Asemade, instan a manter o Meixoeiro e algúns dos anexos do antigo Xeral para complementar os servizos da área sanitaria. 

Para tal fin instaron á Xunta a abrir un proceso de diálogo coa Xunta de Persoal e coa propia plataforma para "pór en marcha o resgate" e "como primeiro paso" exixiron a "demisión ou cesamento do xerente da EOXI de Vigo pola súa responsabilidade na situación actual".