‘Eles gobernan, elas aman’, a reportaxe de Sermos Galiza premiada por ‘Comunicar en Igualdade’

Detalle do cadro 'O bico', de Klimt

Escrita por Uxía Castro, aborda os mitos do amor romántico. Os premios Comunicar en Igualdade distinguírona na categoría de alumnado universitario. Podes ler no interior a reportaxe completa, publicada no Sermos Galiza nº334.

A palabra poliamor (relación sexo-afectiva con máis dunha persoa á vez) é un dos termos máis buscados en internet no último ano”. Así comeza a reportaxe de Uxía Castro publicada no Sermos Galiza nº334 (14 de febreiro de 2019) e que vén de ser galardoada co premio ‘Comunicar en Igualdade’. Unha peza na que se debulla como se ben as formas de amar convencionais están a deixar paso a outros modelos, a mocidade segue a reproducir os comportamentos típicos do amor romántico. O segundo premio nesta categoría foi para Lucía Parrilla del Río, coa reportaxe Un relato de mulleres nas minas do Bierzo, que publicou a revista Luzes. O terceiro foi para Silvia López por unha entrevista á escritora Rosario Regueira en Lugo Xornal.

No que atinxe á categoría profesional, o primeiro premio foi para As mulleres na opinión: un elefante rosa no medio das redaccións, un traballo de investigación no que As Xornalistas analizou 27.000 pezas de opinión publicadas durante 2018 en diversos xornais . Publicada en Praza.gal. O segundo premio foi para Sara Vila e  O noso toque de queda, publicado no Diario de Pontevedra, e o terceiro para Montse Dopico pola reportaxe Sesé Mateo: a palabra que resiste a morte, tamén publicada en Praza.gal.

 

‘Eles gobernan, elas aman’, por Uxía Castro

O amor é un dos eixos fundamentais na construción do carácter das persoas. Na era de internet, as formas de amar convencionais están a deixar paso a outros modelos. Porén, a mocidade segue a reproducir os comportamentos típicos do amor romántico. A orixe destas condutas vén da socialización aprendida na infancia, aquela que denuncia a cita de Kate Millett “... mentres nós amabamos, os homes gobernaban”. Así nolo explican Amada Traba e Chis Oliveira, autoras de ám@me (Galaxia, 2018).

A palabra poliamor (relación sexo-afectiva con máis dunha persoa á vez) é un dos termos máis buscados en internet no último ano. Os novos modelos relacionais calan sobre todo entre a mocidade. Mais, a pesar das mudanzas sociais do último século, segue a haber peso do tradicional: os ciumes, a posesión, o control. “Son cousas que entran moi profundo na nosa psique a través da socialización”, di a socióloga Amada Traba.

“Hai unha certa curiosidade por experimentar, por abrir, por ver”, sinala Traba. A emerxencia de novas orientacións sexuais e modos de relacionarse non normativos nas series de televisión e películas está a verse na irrupción doutros xeitos de entender o amor por parte da xuventude. Porén, segue a pesar moito a educación que ten que ver coa construción de xénero máis tradicional. “Parece que se albisca algún cambio, a partir do amor nas redes. Cambia a rapidez de ligar, agora vaise máis ao gran”, indica. Todos os elementos anteriores de cortexo e sedución varían cara a novos patróns. Aínda así, “non parece alterar outros elementos básicos moi metidos na socialización. A baixa autoestima das mulleres condiciona como se relacionan. Ademais, o amor é algo historicamente ligado á identidade das mulleres”, subliña.

“Non existe en todo o sistema educativo un ensino en materia afectiva, sentimental ou sexual”, advirte Chis Oliveira

Importancia da educación

Para Chis Oliveira “é precisamente no terreo sentimental, no noso imaxinario sexual e afectivo, onde queda todo o traballo por facer”. Explica así a enorme influencia da educación, moitas veces inconsciente, que cimenta certas servidumes e inercias na nosa conciencia. A literatura, as series, a publicidade e mesmo os modelos amorosos que nos rodean desde a infancia constrúen un determinado xeito de amar, “moi ancorado a esquemas de mitos xudeucristiáns nos que a tarefa asignada ás mulleres era a maternidade e o sistema gratuíto de coidados”.

A catedrática de Filosofía celebra que o movemento feminista conseguise darlle a volta na parte social, mudando a visión que as mulleres teñen do mundo e de si mesmas. Esa nova percepción social xera moitas veces contradicións co que teñen asimilado na súa personalidade. A solución pasa para ela por unha educación consciente, que non se limite a deixar a nosa ensinanza afectiva á disposición dos estímulos da ideoloxía dominante conservadora.

“Avanzamos moito polo camiño da lexislación, mais non existe en todo o sistema educativo un ensino en materia afectiva, sentimental ou sexual”, di Oliveira. Ao seu parecer, non é posíbel evolucionar até non ter as bases traballadas, porque o tradicional sempre será “unha rémora” no noso fondo. “Só progresaremos cando os alicerces sentimentais que nos constitúen sexan elixidos, cuestionados do que nos veu dado”.

Amada Traba fai fincapé no peso da familia. “O modelo de amar constrúese na casa”, di. Para ela, desde a primeira infancia “observamos que na nosa familia, pola construción de xénero, hai quen ten máis obrigas”. As relación de poder enraizadas nas familias baséanse moitas veces nas renuncias que se fan debido ás crianzas. Elas son quen máis renuncian ao seu traballo remunerado porque empregan máis horas no coidado. “O modelo do coidado, que está moito máis socializado nas mulleres, está moi ligado ao modelo amoroso”, engade. Isto implica que moitas veces esa socialización se produce até ligarse a nosa identidade.

Rubir árbores versus coidar bonecas

Traba, como profesora da UVigo na materia de Socioloxía da Educación,  explica que todos os anos ten máis alumnas que alumnos. “Como é posíbel que as mulleres lles guste máis a infancia, ser mestras?”, pregúntase. “Porque acaba sendo xa non un deber, senón unha forma de realización”. O rol tradicional do home implica que se lles vaia “cernando a emoción por considerala vulnerábel”, di. Xa desde nenos, con expresións como “os homes non choran”, educáselles na inexpresividade. Valórase que sexan fortes, “que xoguen ben ao fútbol, que ruban moitas árbores”. Caso contrario ás mulleres, a quen se lles insta a “bailar, coidar das bonecas bicar moito, seren agarimosas”. Para Traba, esta socialización interiorizada, “de tantas e tantas miles de mensaxes”, é como o orballo, “podes non notalo mais está presente”. E inflúe directamente na resolución de conflitos, nos mandatos internos e externos da vida e no nivel de implicación nas responsabilidades da vida pública e privada.

Esta postura é compartida por Oliveira, “as mulleres realizámonos amando, acariñando, tratando de agradar. Facémonos como persoas respondendo a ese modelo de amor romántico”. Desbota a idea de que este amor romántico sexa tan só o conto do príncipe azul, “afecta a constitución da nosa feminidade, eu desde nena quero gustar”. Ese “estigma” que aniña nas nenas prexudica directamente a súa natureza, xa que para gustar buscará os defectos na súa persoa. Ese eterno segundo lugar é o que a catedrática de Filosofía denomina “mirarse no espello dos demais”.

“No noso guión non está revisar o noso proxecto de vida. Como quero vivir, ser, amar, que me amen. Por iso hai que incluílo”. Para que as mulleres pasen a ser  persoas que viven, desfrutan e elixen por si mesmas deben comezar a mirarse no seu espello propio, “o tempo que investimos en aparentar, en depilarnos, maquillarnos... é  tempo en detrimento do noso desenvolvemento persoal.

“O modelo do coidado, que está moito máis socializado nas mulleres, está moi ligado ao modelo amoroso”, sinala Amada Traba

Violencia machista

Segundo Chis Oliveira, a violencia machista é “unha consecuencia” deste modelo de amor romántico. Achácao a unha idea de sometemento e submisión, presentada de modo máis ou menos explícito. “Todo o que facemos ou vimos facendo historicamente as mulleres, facémolo por amor”. Comparte unha metáfora da activista feminista Marcela Lagarde, quen di que as mulleres somos “cativas do cativerio”. Fechadas no cativerio que supón a cultura patriarcal, as mulleres están ademais moitas veces encantadas coa súa condición. De ser a máis guapa ou ter as crianzas máis riquiñas, de ser a que máis seduce e quen trae tolos aos homes.

“É algo que nos aprisiona”, di, “conseguen que nós sexamos o reforzo, encantadas co rol”. Esa “mochila” de pouca consideración propia e un desprezo cara ao propio corpo afecta directamente a construción do amor. Nunha cultura patriarcal, a masculinidade hexemónica son as contrapostas do home príncipe azul/home malo. “No momento en que entras nunha relación con ese suposto príncipe azul, de entrada entrégaste porque estás fascinada”, conta Oliveira, “pero cando empezas a sentirte mal e cando ves que aquilo non funciona, que che esixe cousas que non queres, é o momento no que empezas a poñer o freo e a cuestionar cousas e aí é cando xorde a violencia”.

“A violencia non é algo que se produza sen base”, concorda Amada Traba, “os diversos graos e manifestacións da violencia teñen un xerme estrutural”. Se ben co auxe das redes sociais o control entre parellas máis novas está a aumentar, Traba apunta a unha diferenza no xeito de afrontar as relacións de poder entre homes e mulleres, “mentres que os rapaces o viven como unha intromisión, como algo que non tolerarían ou tolerarán até certo grao; elas víveno con naturalidade, como unha mostra de amor”. Con todo, Chis Oliveira advirte de que a xuventude non está a ir cara a atrás. “Agora temos máis ferramentas. O problema é que xorde unha resistencia que se fai escoitar, o patriarcado non está disposto a ceder nada gratuitamente”.

Os mitos do amor romántico na psicoloxía moderna:

1. Mito da media laranxa  Pensar que existen dúas persoas destinadas a atoparse e que sen esa hipotética parella ideal a nosa vida está incompleta.

2. Mito dos celos  Tomados como signo de amor, promoven a desconfianza e limitan a liberdade individual.

3. Mito da omnipotencia, “o amor que todo o pode”  Entender que se dúas persoas están destinadas a xuntárense superarán calquera dificultade que atopen no camiño, chegando a tolerar actitudes tóxicas.

4. Mito das discusións Ten dúas vertentes extremas, que discutir é malo e que se unha parella non discute é porque non se quere.

5. Mito do namoramento Pensar que cando a euforia inicial da relación desaparece é porque rematou o amor.

6. Mito da exclusividade Moi vencellado ao mito dos ciumes, esixir que a atracción sexa única e exclusivamente para a túa parella durante o resto da vida.

7. Mito da unidade Tomar a parella como unha única persoa, con gustos e opinións idénticas, ignorando a personalidade de cadaquén.

8. Mito dos polos opostos Crer nunha atracción irrefutábel entre persoas totalmente opostas.

9. Mito da convivencia  ou do matrimonio Ter como único obxectivo satisfactorio e final a convivencia dunha parella como matrimonio e de ser posíbel, con crianzas.

10. Mito da parella Estereotipo de parella heterosexual, normativa e típica. Pensar que todo o que se saia da  norma é menos válido.