Voceira da protectora 'Os Palleiros'

Gloria Cubas: "Dous meses após Nadal hai abandonos de cans"

A voceira da Protectora 'Os Palleiros' nunha visita ás instalacións este 6 de xaneiro. (Foto: Nós Diario)
O pasado 5 de xaneiro entrou en vigor a Lei 17/2021 que modifica o Código Civil, a lei hipotecaria e a Lei de Axuizamento Civil no que afecta o réxime xurídico dos animais. Nós Diario fala coa voceira da protectora 'Os Palleiros' de Pontevedra sobre ela e a situación desta entidade de acollida e adopción de cans abandonados.

Como naceu 'Os palleiros'?

A protectora iniciouse hai uns 18 anos como asociación sen ánimo de lucro. Desde o principio dedicámonos a rescatar cans abandonados, algúns deles maltratados, e a rehabilitalos para rematar tentando a adopción. En ningún caso hai venda. A primeira directiva tivo que comezar de cero. Organizou o sistema de persoas asociadas, de voluntariado, de fondos económicos e de falar co concello para conseguir uns terreos. Ademais, pensaron un sistema de apadriñamento dos cans que aínda a día de hoxe funciona, doce anos despois de que accedera outra directiva.

Que é o máis difícil no traballo da protectora?

O peor de todo, para min, é cando chega un can malferido e vemos que non o podemos salvar. É algo moi duro para nós. 

E o máis pracenteiro?

Cando rescatas un can que ten medo, que aínda que teña feridas observas que sae adiante. Con moito traballo mais conseguimos que se recupere. En todo caso, sería imposíbel facelo sen a cantidade de voluntarias e de voluntarios que participan na asociación cos animais.

Cales son as razas máis numerosas na protectora?

Hai de todo. As máis numerosas son as de caza e os seus cruces. Despois temos as mal catalogadas como potencialmente perigosas. De todos os cans que hai na protectora hai 15 desta última. Son as razas máis complicadas para atoparlles un fogar de adopción. Casualmente sen ter elas culpa de ser as que chegan menos sociabilizadas. .

Que opina da lei que modifica o Código Civil, a lei hipotecaria e a Lei de Axuizamento Civil no que afecta o réxime xurídico dos animais?

Para nós, todo o que sexa para mellorar e axude a todas as protectoras na loita contra o maltrato animal, o abandono e a identificación das mascotas é positivo. Son seres vivos. Non son para usar e tirar. Cando levas unha mascota, o animal que sexa, é unha responsabilidade non un capricho. Hai que decatarse que, como mínimo, estará de dez a quince anos contigo. Ten gastos de tempo e veterinarios.

Cales son os momentos máis delicados no tema do abandono?

Por desgraza hai épocas nas que coincide máis o abandono que outras. Unha é cando remata a tempada de caza ou durante a mesma se consideran que non lles serven. Nese caso abandonan os cans ou péganlles un tiro directamente. Tamén dous meses após Nadal hai abandonos de cans. Non os traen, atopámolos na rúa. No verán non hai moitos, por sorte comeza a espallarse certa concienciación e empregan as residencias ou xente particular que se dedica a coidar animais.

Non se atopan as persoas que os abandonan polo microchip?

A identificación con microchip é obrigatoria desde 1993 mais un 75% das mascotas que nos chegan veñen sen el. Nese caso é moi complicado buscar de onde era e quedan de por vida aquí. Cando si contan con el moitas veces non está rexistrado e non podemos localizar o dono. Se o veterinario non o dá de alta é como se non tivera nada. Pásanos moito. É obrigatorio mais...

Non hai control?

Non hai. Terían que controlalo máis. Deberían multar e non continuar cos avisos. Na actual situación esa falta de control repercute nas protectoras. Tampouco temos autorización para obrigar a poñelo aos donos que veñan e atopen o seu can. Nese caso debemos avisar á policia local.