Entrevista

Genma Rodríguez, presidenta de Agefec: "A situación da Atención Primaria na Galiza é crítica"

A enfermeira Genma Rodríguez. (Foto: Nós Diario)
Genma Rodríguez é a presidenta da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (Agefec). Nesta conversa con Nós Diario, analiza a situación que atravesa a Atención Primaria na Galiza e os retos que enfronta na actualidade. Tamén achega a problemática do colectivo que dirixe no país desde hai anos.

— Como valora a situación na que se atopa a Atención Primaria na Galiza?
A situación da Atención Primaria na Galiza é crítica. Precisa dunha intervención política que sexa quen de valorar a importancia da sanidade pública e o que a Primaria pode achegar á saúde da poboación como primeiro nivel asistencial.

A decadencia na que se atopa é debido a que se está perdendo de vista a promoción da saúde e a prevención das enfermidades, actividades fundamentais da Atención Primaria, para actuar unicamente cando os problemas xa están estabelecidos, o que unido ao déficit de recursos, tanto humanos como materiais, tradúcese no colapso dos servizos sanitarios.

A nosa Atención Primaria precisa dun aumento dos orzamentos e recuperarse dos recortes sufridos en persoal. Necesitamos espazo nas axendas para levar a cabo atención comunitaria e precisamos unha aposta clara polas enfermeiras de Atención Primaria.

—Un eixo fundamental para o funcionamento da Atención Primaria é o persoal de enfermaría, como analiza a situación do colectivo e, particularmente, o das persoas especializadas en enfermaría familiar e comunitaria?
Na Galiza contamos cun elevado número de prazas para que as enfermeiras se especialicen na Atención Primaria e fomos o primeiro territorio que apostou por este perfil especializado para prestar coidados nos centros de saúde, creando unha bolsa específica de contratación e a primeira oposición a nivel estatal.

Poren, a situación deu un xiro de 180 graos neste último ano, onde 22% das persoas inscritas na bolsa específica de contratación atópase traballando fóra do Servizo Galego de Saúde e só 15% ten praza en propiedade, o que se traduce en que moitas destas enfermeiras especialistas en Atención Primaria están a prestar os seus servizos fóra do ámbito de actuación para o cal foron formadas e fóra da Galiza, a pesar de que formar un profesional nesta especialidade significa un investimento de máis de 60.000 euros para as arcas públicas.

—Diversos estudos, entre eles o elaborado polo Consello Xeral de Enfermaría, sitúan Galiza á cola do Estado en profesionais de enfermaría. Cales son as causas desta situación?
A falta dunha aposta clara polas enfermeiras e de todo o seu potencial. Como dicíamos antes, a Galiza conta con enfermeiras especializadas, pero isto non se está a ver traducido nunha incorporación real ao sistema sanitario e estas enfermeiras están a traballar en servizos diferentes para os que non foron formadas.

Ao mesmo tempo, estanse a producir recortes en persoal para cubrir as baixas temporais e non se están a crear prazas con vínculo de fixeza que si levan sendo cubertas con carácter temporal durante moito tempo, coa rotación de persoal que isto supón e a falta de continuidade na atención dos pacientes.

—Malia a baixa porcentaxe de enfermeiras no sistema galego de saúde, unha parte significativa das profesionais formadas na Galiza seguen marchando para traballar noutros territorios do Estado español. A que responde esta tendencia?
Principalmente, a falta de atractivo laboral que o Sergas oferta debido á ausencia de fidelización dos profesionais formados, os cales, ao rematar a súa residencia, que xa de por si supón una importante redución salarial e posterior perda de méritos en experiencia, só atopan as alternativas de traballar fóra do ámbito para o cal se especializaron e de forma inestábel, encadeando contratos, ou aceptar mellores ofertas laborais, aínda que isto supoña ter que desprazarse fóra da Galiza.

As razóns da emigración

Genma Rodríguez indica que "a situación da enfermaría na Atención Primaria é moi preocupante". A este respecto, destaca que "o feito de que as e os profesionais da enfermaría roten tanto non dá confianza aos doentes e non xera a estabilidade necesaria para crear a confianza precisa cos usuarios dos servizos de saúde".

Rodríguez apunta que "non hai prevención e promoción da saúde en Atención Primaria porque a carga de traballo é tal que nos vemos obrigadas a centrarnos nos doentes agudos, presentando unha asistencia deficiente aos crónicos, que foron abandonados polo sistema durante a pandemia".

Rodríguez asegura que "os profesionais migran para poder ter unhas condicións laborais óptimas, pero tamén para poder desenvolver o seu traballo como enfermeiras especialistas de familia e comunitaria".