Orzamentos Xerais do Estado

O gasto militar previsto nas contas de 2023 supera os 30.171 millóns de euros

Avións militares debuxando a bandeira española no ceo de Madrid o 12 de outubro de 2021. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Un día despois de coñecerse o investimento de 1.077 millóns de euros previstos para Galiza nos Orzamentos do Estado de 2023, os responsábeis políticos achegaron onte a súa valoración sobre as contas públicas. Mentres as forzas que conforman o Executivo español confirman o seu voto favorábel ao presuposto e os populares o seu rexeitamento, os nacionalistas apostan por mellorar os orzamentos, incrementando a contía das partidas destinadas á Galiza.

O delegado do Goberno do Estado na Galiza, José Miñóns, non dubidou en cualificar a proposta de Orzamentos do Estado como “os máis sociais da historia”. Neste sentido, significou que “a seguridade social” e das persoas é a gran protagonista das contas estatais, que destinan seis de cada 10 euros a gasto social. Asemade, indicou que “un de cada tres galegos e galegas verán incrementadas mes a mes as súas pensións contributivas, non contributivas e o Ingreso Mínimo Vital”.

José Miñóns afirmou que “a Galiza ten un investimento asignado nos orzamentos de case 1.200 millóns de euros, 400 euros por galego, moi por encima da media estatal, de 284 euros por habitante”. Nesta perspectiva, destacou que “a Xunta recibirá do sistema de financiamento a cifra récord de 9.402 millóns de euros, 24% máis que o ano anterior”. Precisamente, este incremento é resultado da suba da recadación no país.

A marca do Goberno de coalición

O secretario xeral de Podemos na Galiza, Antón Gómez Reino, significou que “Unidas Podemos defende a Galiza desde o Goberno” e defendeu que “por fin pagarán os que máis teñen". Este proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2023, dixo, "amplía dereitos sociais, feministas e laborais, e estamos moi contentas porque seguen a senda da protección dos máis vulnerábeis, alcanzando un acordo fiscal que deixa a pegada de Unidas Podemos no Goberno de coalición”.

O PP, crítico coas contas

Os dirixentes do Partido Popular criticaron onte as contas públicas. Neste contexto, a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, indicou que os orzamentos “non teñen en conta Galiza”, significando que “Sánchez beneficia unha vez máis os seus socios. Os Orzamentos Xerais do Estado volven ser os orzamentos electoralistas do Estado, nos que vale máis quedar ben con independentistas e separatistas que con comunidades fieis como a nosa”.

Prado considerou que “os orzamentos máis expansivos da historia son uns orzamentos retraídos para a nosa comunidade”. Nesta dirección, expresou que se “trata duns orzamentos que non son de verdade, con cifras infladas e fume para Galiza” con partidas que “sabemos de sobra que non se van executar”. Nun evidente ton electoral, a dirixente conservadora afirmou que  “imos seguir loitando porque a nosa comunidade teña voz e deixe de estar marxinada por Sánchez”, concluíndo que “afortunadamente son os últimos orzamentos de Sánchez antes da chegada de Alberto Núñez Feixoo á Moncloa”.   

O BNG quere aumentar a contía para Galiza

O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, expresou a disposición da súa formación “á negociación e ao diálogo para mellorar os Orzamentos Xerais do Estado”. Porén, reivindicou que “ten que haber un incremento das partidas de investimento para Galiza”. Rego reclamou “xustiza para Galiza” nos orzamentos e esixiu máis ambición social do Goberno de coalición.

Nesta liña, demandou “que os impostos ás grandes fortunas, así como ás eléctricas e á banca, sexan permanentes, non temporais como vén de anunciar o Goberno” e denunciou que “PSOE e Podemos seguen reticentes a subir as pensións mínimas”.

Asemade, destacou que “non se xustifica de ningún xeito o incremento de 25% en gasto militar". Ademais, dixo, "ocultan que hai partidas de gasto militar noutros Ministerios. Se sumamos todos estes gastos, chega a superar o 2% do PIB”. O incremento do investimento en Defensa responde ás orientacións da OTAN e ao compromiso de Sánchez co presidente estadounidense de destinar a gasto militar máis de 2% do PIB. Nesa liña, as partidas do orzamento dedicadas a Defensa sitúanse arredor de 30.171 millóns de euros.