O gasto en I+D na Galiza non chega ao 1% do PIB, menos da metade que na UE

Foi do 0,97% do Produto Interior Bruto, por baixo tamén da media no Estado español.

O gasto en I+D nasGaliza foi do 0,97% do Produto Interior Bruto (PIB) galego en 2019, por baixo da media española (1,25%), segundo os datos que publica esta cuarta feira o Instituto  Galego de  Estatística (IGE).

De feito, o gasto na Galiza supón menos da metade que a media da UE, que alcanza o 2,2% do PIB. Con todo, o investimento galego sobe lixeiramente fronte ao 0,95% de 2018.

Pola súa banda, o 13,25% das pemes galegas introduciron un produto novo ou mellorado en 2019, por baixo da media estatal e moi lonxe da media europea (28,7%) -nestes dous casos con datos de 2018-. A innovacións en procesos de negocio chegaron ao 22,6% das pemes de Galiza, menos tamén que as cifras de Estado e a UE.

Así mesmo, o 8% das empresas galegas con 10 ou máis asalariados fixeron vendas de produtos novos e mellorados -centrados en tecnoloxías punteiras-. No Estado alcánzase o 16,1% e na UE o 11,6%.

No que atinxe a formación, o 49,4% dos galegos entre 24 e 34 anos contaban cun nivel de formación terciaria, neste caso dous puntos por riba do valor do Estado e 8,9 puntos máis que a media da UE.

Pola súa banda, un 10% dos ocupadas e ocupados galegos desenvolven o seu labor en actividades de coñecemento intensivo -aquelas que proporcionan servizos directamente aos consumidores, por exemplo as telecomunicacións-, o que supón un descenso respecto ao 10,6% do anterior ano. É inferior á media estatal  (12,7%) e europea (14,2).

Fenda

O escaso esforzo investidor en i+D condena Galiza a figurar entre os territorios "modestos" na materia no conxunto da Unión Europea. Así se desprendía en 2020 dos datos dun informe de conxuntura económica presentado polo Foro Económico da Galiza, que inclúe unha análise da diferente evolución con respecto ao norte de Portugal.

Segundo este documento, Galiza e Portugal manteñen unha fenda nesta materia de máis de 300 millóns de euros no esforzo investidor en I+D, que se define como a relación entre o gasto en actividades de investigación e desenvolvemento e o Produto Interior Bruto (PIB)