O gasto da Xunta en servizos públicos está á cola do Estado

O investimento en servizos públicos por persoa na Galiza está en 2.989 euros ao ano. (Foto: Nós Diario)
A calidade dos servizos públicos está condicionada polo investimento das Administracións competentes. Os datos achegados pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) advirten da debilidade da Galiza nesta materia. O galego é un dos Gobernos do Estado español que menos fondos destina a gasto social.

O investimento en servizos públicos contabiliza os fondos destinados pola Administración para financiar os diversos niveis de asistencia sanitaria, os distintos tramos da oferta educativa e a totalidade dos servizos en materia de benestar recollidos na lexislación. Nestes tres casos, a prestación correspóndelle ás comunidades autónomas, que teñen transferida a súa xestión polo Estado español.

A Galiza atópase á cola das autonomías en investimento en servizos públicos. Segundo os datos que vén de facer públicos a Airef -organismo independente de control fiscal creado polo Goberno español a iniciativa da UE para garantir a estabilidade orzamentaria-, cuxas últimas cifras se refiren ao exercicio de 2021 e proceden da Intervención Xeral da Administración do Estado (IGAE) do Ministerio de Facenda, o gasto en servizos públicos por habitante na Galiza sitúase en 2.989 euros ao ano, 208 euros por baixo da media estatal, fixada en 3.197 euros por habitante.

Madrid

A Airef sinala que só Madrid inviste en servizos públicos menos que Galiza. Así, a capital de España dedica á prestación dos servizos fundamentais 2.920 euros por habitante ao ano, 69 euros por habitante menos que Galiza e 377 euros por habitante por baixo da media estatal. Neste sentido, as cifras de 2021 sitúanse na mesma tendencia dos pasados exercicios, con estes dous territorios liderando as políticas de contracción do gasto social.

O investimento en servizos públicos na Galiza fica moi lonxe daquelas nacións e comunidades autónomas con máis gasto en sanidade, educación e servizos sociais. Nafarroa é o territorio con máis gasto nesta materia, con 3.963 euros por habitante ao ano, seguida de Euskadi, con 3.741 euros por habitante, Cantabria con 3.476 euros por habitante, e Catalunya, con 3.445 euros por habitante.

O gasto en sanidade, educación e servizos sociais da Galiza atópase, tamén, por baixo da media do Estado. Así, o investimento sanitario anual por habitante no país sitúase en 1.691 euros, 37 euros por baixo da media estatal, fixada en 1.728 euros por habitante. Só Andalucía, Madrid e A Rioxa destinan aos servizos de saúde unha contía inferior a Galiza.

Educación

En materia de educación, o investimento por habitante e ano na Galiza é de 995 euros, o que supón 60 euros por baixo da media estatal, sendo, máis unha vez, Euskadi e Nafarroa os territorios con máis gasto educativo. Só Asturias, Madrid e Castela e León rexistran unhas cifras peores que Galiza.

O Goberno galego destina ao sostemento dos servizos sociais 301 euros por habitante ao ano, unha contía que é 69 euros inferior á media do Estado español. Precisamente, estes resultados afloraron nun exercicio onde o Goberno galego deixou sen gastar 79 millóns de euros orzados nas contas públicas para o servizo de dependencia.