Ensino

O gasto da Xunta en colexios privados subiu 44% desde 2012: uns 2.500 millóns destinados a estes centros nunha década

Cartos que dedicou a Xunta da Galiza a centros educativos de titularidade privada entre os anos 2000 e 2022. (Fonte: Ministerio de Educación)
As transferencias da Xunta da Galiza a centros educativos de titularidade privada aumentou en 44% nunha década, segundo se desprende da Estatística do gasto público en educación que o Goberno español publicou o pasado 28 de marzo. Unha década na que o investimento público no ensino por parte do Executivo galego tivo un incremento menor, 26,5%.

O gasto público no ensino galego foi en 2022 —último ano dispoñíbel na Estatística de gasto público que o Goberno español actualizou o pasado 28 de marzo— de 2.842 millóns de euros. Unha cifra que supón un incremento de 1,4% a respecto do exercicio anterior, 2021. O informe do Goberno estatal rexistra tamén que en 2022 houbo transferencias da Xunta da Galiza a centros de ensino de titularidade privada por 337,1 millóns de euros, a cifra máis alta até o de agora e un incremento de 7,6% a respecto do que se transferiu a privada e concertada o ano antes, 2021, que foron 313 millóns.

Esta dinámica dun aumento porcentual maior dos fondos para os centros de titularidade privada que para o gasto no ensino público non é algo exclusivo dos anos citados. É unha constante que se pode comprobar percorrendo os informes anuais que realiza o Ministerio de Educación.

Así, entre 2012 e 2022, por coller un período de 10 anos a partir do último exercicio do que hai datos, esa diferenza alárgase. En 2012 o gasto público en educación situábase en 2.246 millóns de euros. Naquel exercicio, os colexios e institutos de titularidade privada recibiran da Xunta 234 millóns de euros, case 100 millóns menos que en 2022.

De feito, o incremento do gasto público ao longo deses 10 anos foi de 26,5%, ao pasar de 2.246 millóns a 2.842 millóns de euros; mentres que as partidas para a privada e concertada aumentaron en 44%. Dos mencionados 234 millóns de 2012 aos 337,1 millóns de hai dous anos. Deses 337 millóns, quen leva a maior parte é educación Infantil e Primaria, con 188 millóns de euros. En Datos e Cifras do curso escolar 2023-2023, o Ministerio apunta que na Galiza 73% do alumnado non universitario estuda en centros públicos, 25,7% en concertados e 5,3% no ensino privado, porcentaxes que apenas variaron nesta década.

 

Cantidades importantes

Unha suma do investimento educativo nestes dez anos indica que a Xunta da Galiza entregou ao ensino privado ao redor de 2.500 millóns de euros. Ao tempo, a Galiza mantense nos postos de cola do Estado en investimento educativo. Así, o gasto educativo anual por habitante foi inferior en 40 euros á media do Estado en 2012, en 33 euros en 2013, en 38 euros en 2014, en 51 euros en 2015, en 36 euros no ano 2016, en 34 euros no seguinte exercicio, en 48 euros en 2018, en 60 euros en 2019 e en 50 euros en 2020, sendo 60 euros inferior en 2021.

Neste sentido, só en 2006, 2007 e 2008, co Goberno de coalición entre o PSdeG e o BNG na Xunta, se produciron destacados incrementos no orzamento educativo, con alzas de 7,8% para o primeiro exercicio, de 8,5% para o segundo e de 8,46% para o terceiro. A redución das dotacións orzamentarias para o ensino público provocaron importantes recortes que afectaron a calidade da prestación.

Sen ir máis lonxe, o Goberno galego fechou 186 centros educativos públicos desde 2009, pasando de 1.361 nesa anualidade a 1.175 no curso escolar 2022/2023. Aliás, a Consellaría de Educación dedica neste curso 2023-2024 un total de  29,3 millóns de euros ao pagamento do profesorado de relixión.