As escolas infantís consideran “precipitado” abrir durante o proceso de desconfinamento

A conselleira Fabiola García, nunha visita a unha gardaría

A Consellaría de Política Social decidirá esta semana, tras reunirse esta segunda feira co sector.

As escolas infantís, pendentes da decisión definitiva da Xunta. A Consellería de Política Social reuniuse co sector esta segunda feira para tratar a apertura dos centros para menores de tres anos, nun encontro no que tanto entidades públicas como privadas coincidiron en que, de producirse, esta non debería ser até despois de concluír o plan de desconfinamento.

Coa entrada de Galiza na Fase 2 do proceso, o Goberno galego ten a potestade de decidir sobre a apertura dos diferentes centros educativos e as escolas infantís, aínda que de momento a Xunta non desvelou os seus plans para as menores de 0 a 3 anos.

Política Social "reflexionará" respecto diso tras escoitar ao sector e comunicará unha decisión esta mesma semana, segundo trasladaron responsábeis destes centros a Europa Press.

Á espera de que o Goberno galego faga pública a súa postura, todo parece indicar que as gardarías non abrirán na Fase 2 e non o farán antes de concluír o plan de desconfinamento, é dicir, antes do 22 de xuño.

As escolas trasladaron á Xunta un consenso respecto desta cuestión: sería precipitado en pleno proceso de relaxación das restricións de mobilidade e de observación da evolución do coronavirus.

Unha parte dos centros opta por abrir xa a finais de xuño e o mes de xullo, mentres que outra prefire esperar ao mes de setembro. Beatriz Iglesias, da Asociación Galega de Escolas Infantís (Agadei), defendeu a primeira posibilidade, co fin de que os centros poidan arrincar "xa en normalidade" e "empezar a traballar aos poucos".

Outra das opinións do sector, sobre todo desde a parte pública, opta por esperar até setembro pola falta de condicións para abrir e de protocolos por parte da Administración.