“A Garda Civil non lle tocou as tetas a unha muller por desgraza para ela”

Imaxe de Xornal Certo

A Asociación Mulleres en Acción da Barbanza piden a demisión da portavoz de IPdR no Concello de Ribeira por estas declaracións feitas, aseguran, por esa concelleira nunha sesión plenaria.

“A Garda Civil non lle tocou as tetas a unha muller por desgraza para ela”. Esa é a frase que, afirman desde a Asociación de Mulleres en Acción de Ribeira, realizou a portavoz de IPdR (Iniciativa Progresista de Ribeira) na sesión plenaria que tivo lugar esta segunda feira, 27 de novembro. “Rosa García Pose mostrou un absoluto desprezo e unha falta de empatía cara as mulleres vítimas de acoso sexual”, afirman desde esta asociación nun comunicado. Esta resposta da edil produciuse no debate dunha moción do BNG sobre a aplicación do artigo 155 en Catalunya no que se falou das cargas policiais.

 

O colectivo de mulleres di que a concelleira mostra “unha total ignorancia sobre o que significa o feminismo cando afirma que que non lle gusta que se utilice o termo feminista "porque sería provocar violencia feminista cara aos homes". A portavoz de IPdR realizou esta declaración no mesmo pleno e cando se debatía unha moción sobre o 25 de novembro, Día Internacional pola eliminación das violencias contra as mulleres.

 

Con estas afirmacións, proseguen, a concelleira amosa “unha absoluta falta de respecto cara ás mulleres e non recoñece algo tan evidente como que as mulleres estamos sendo discriminadas e que, unicamente polo feito de ser mulleres, sufrimos violencia física, psicolóxica, sexual, institucional, laboral…”. Con estes argumentos, a asociación exixe “a inmediata dimisión” da edil ribeirense.

 

O BNG: "Ou rectifica ou demite"

 

O BNG, principal forza da oposición no Concello de Ribeira, cualifica de "intolerábel" as manifestacións de García Conde, lembrando que ambas as dúas as realizou cando se debatían mocións presentadas polos nacionalistas: unha sobre o artigo 155 e outra relativa ao 25 de novembro. "Non nos sorprendeu porque é o estilo desta concelleira", recoñece en conversa con Sermos Galiza Luis Pérez Barral, un dos edís do Bloque. "Mais que un representante público faga este tipo de declaracións non se pode permitir". Por iso, desde a fronte nacionalista pídese a esta concelleira que rectifique ou ben demita.

 

Iniciativa Progresista de Ribeira (IPdR) ten 2 dos 21 concelleiros da corporación ribeirense.O PP goberna en minoría neste municipio da Barbanza, con 8 edís. O BNG ten 4, por 3 do PSdeG e 1 de Ciudadanos. O grupo mixto está integrado por tres concelleiros, un deles escindido do PP e outros 2 que foran eleitos pola candidatura de Ciudadanos.