Garda Civil detén un independentista en Compostela baixo acusación de relación con RG

GZcontrainfo

Raúl A.C foi detido a primeira hora da tarde na zona de Santa Clara-Espíritu Santo e aplicóuselle a Lei Anti-terrorista. Ministerio de Interior considérao o ''presunto autor'' do estoupido de Baralla.

 

Axentes da Garda Civil española detiveron a primeira hora desta tarde en Compostela a Raúl A.C, de 24 anos, sob a acusación de estar relacionado con Resistencia Galega. O Ministerio do Interior afirmou que fora detido "o presunto autor" do estoupido desta semana en Baralla. O departamento español cualifica a este veciño da capital de Galiza como un representante do sector 'radical' do independentismo galego e apunta que tiña antecedentes.

Fontes do organismo anti-represivo Ceivar confirmaron a Sermos Galiza a detención, así como que foi o seu irmán quen deu aviso do arresto ao comprobar que Raúl non se presentara na casa malia quedar con el. Ao baixar ao portal para ver se viña de camiño, sempre segundo este relato, atopou un forte despregamento policial na zona (Espíritu Santo, no casco vello de Compostela) cunha ducia de vehículos do Instituto armado e cortes de rúas.

Raúl A.C, veciño de Compostela mais natural da Mariña de Lugo, estaba implicado en diversos movementos sociais, solidarios e culturais

Segundo testemuñas, os axentes procederon a rexistrar a vivenda do detido, após o cal procederon a abandonar a zona en torno ás seis levando Raúl A.C. Un grupo de persoas reuníronse no lugar para trasladar  a súa solidaridade para co detido, veciño de Compostela mais natural da Mariña lucense. Fontes do movemento anti-represivo informaron de que a Raúl A.C se lle aplicou a Lei Anti-Terrorista e que foi trasladado a Madrid. 

Concentracións de solidariedade

Ceivar convocou para esta sexta feira, ás 20:30, unha concentración de solidariedade con Raúl. Ás 20:30 horas na Praza de Cervantes (historicamente coñecida como Praza do Pan). E o sábado, 17:00 horas, en Burela, na Praza do Concello.

As investigacións desenvólvense baixo a autoridade do Xulgado Central de Instrución, número 4, da Audiencia Nacional, que dirixe Fernando Andreu. A operación continúa aberta, segundo Interior.

Antom Santos en isolamento

Por outra parte, o preso independentista Antom Santos pasou esta sexta feira a réxime de aillamento, situación na que os dereitos xa de por si minguados que tiña na cadea por ser clasificado como FIES (de especial seguimento) son reducidos aínda máis.