Dúas persoas galegas detidas na 'Operación Araña' contra o 'enaltecemento do terrorismo' nas redes sociais

[ACTUALIZACIÓN 14:58h] Hai 13 persoas detidas, entre elas unha en Mugardos e outra na cidade de Vigo. O operativo que atinxiu Galiza Euskadi, Nafarroa, Catalunya, Murcia, Madrid, País Valenciá e Andalucía. Atribúenlles 'enaltecemento do terrorismo' nas redes sociais.

Desde as 9:30 a.m a Garda Civil desenvolve a cuarta fase da denominada 'Operación Araña', un operativo contra un presunto delito de 'enaltecemento do terrorismo' através das redes sociais. 

Atribúenlles delitos de "enaltecemento do terrorismo" por publicacións feitas através das redes sociais

A operación do instituto armado despregouse, segundo comunicou o Ministerio do Interior, en oito territorios Galiza Euskadi, Nafarroa, Catalunya, Murcia, Madrid, País Valenciá e Andalucía, nos que se prevén detencións. Unha delas foi levada a cabo en Mugardos e outra na cidade de Vigo, de acordo coa información recollida por Europa Press. Segundo fontes consultadas por Sermos Galiza unha delas sería o twitteiro R.G. 

Na cuarta fase da denominada Operación Araña foron apresadas trece persoas, de acordo cos dados fornecidos pola Garda Civil e o Ministerio do Interior. Barcelona (3), Murcia (2), Madrid (1), A Coruña (1), Pontevedra (1), Tarragona (1), Navarra (1), Valencia (1), Alicante (1) e Granada (1).

Interior sinala "contido apoloxético" referido a "ETA, GRAPO ou  Terra Liure"

A Garda Civil acúsaos de publicar "contidos apoloxéticos" de "organizacións terroristas, en particular ETA" mais tamén do "GRAPO ou Terra Lliure, así como contido que humilla directamente as vítimas destas organizacións", sinala Interior no comunicado de imprensa feito público con motivo do operativo. 

A Operación Araña despregada esta cuarta feira (13 de abril) constitúe a continuación dun operativo polo que foron detidas 56 persoas en fases anteriores entre 2014 e 2015. Entre elas, un cidadán galego (X.O.C) ou o cantante do grupo madrileño Def Con Dos, César Strawberry.