A Garda Civil desenvolve unha operación contra o "enaltecemento do terrorismo" nas redes sociais

Foron detidas 16 persoas entre Euskal Herria, Galiza, Castela e León, Catalunya, Madrid e País Valencía. 

 

Esta terza feira (19 de maio) o Ministerio de Interior informou através dun comunicado de imprensa do desenvolvemento da terceira fase da denominada Operación Araña. 

No marco deste operativo desenvolvido pola Garda Civil prevé a detención de entre "30 e 40" persoas, como recolle a axencia de noticias Europa Press, entre Euskal Herria, Galiza, Castela e León, País Valenciá, Catalunya e Madrid. 

Segundo Interior a operación dá continuidade ás desenvolvidas en 2014 nas que foron apresadas 40 persoas por delitos de "enaltecemento do terrorismo" através das redes sociais. 

Segundo avanzou o programa Galicia por Diante da Radio Galega foi detida unha persoa en Vigo (M.L.M, segundo as siglas fornecidas por Interior), que confirmou xa a delegación do Goberno español. En total foron apresadas 16 persoas entre as que se atopaba tamén o vocalista do grupo de rap madrileño Def con Dos . 

A operación continúa aberta e agárdanse novas detencións.

Até 3 anos de cadea

O delito que se lles atribúe, presuntamente, a estas persoas é o de "enaltecemento do terrorismo" através das redes sociais Facebook e Twitter, recollido no Código Penal (artigo 578) no que se prevé unha condena de 1 a 2 anos de cadea. Porén, a reforma pactada polo Partido Popular e o PSOE através do coñecido como 'pacto antijihadista' incrementa até os 3 anos a cadea polo que se podería ingresar en prisión mesmo sen antecedentes penais. 

Comentarios en redes sociais 

Interior impútalles presuntos delitos de "enaltecemento do terrorismo" por comentarios pendurados nas redes sociais. No comunicado pendurado no portal web do Ministerio afirman que "os detidos facían apoloxía de ETA, PCR-R/GRAPO e Terra Lliure". 

Asemade, acusa as persoas detidas de facer "burla das vítimas do terrorismo" ao enxalzar "os asasinatos de axentes da Garda Civil" e das agresións á Ertzantza. Porén, non se facilita ningún deses comentarios.