Grupos de Axuda Mutua fronte á invasión da psiquiatría

GAM: as bridas do tratamento nas mans de quen padece 

Marta Pérez, impulsora do GAM na Coruña.

Desde hai un mes funciona na Coruña un Grupo de Axuda Mutua para mulleres con padecementos psíquicos no que se socializan os problemas e comparten ferramentas para dar unha solución colectiva ás enfermidades mentais. É unha práctica que pretende recuperar ámbitos invadidos pola psiquiatría e a psicoloxía. 

A chave da mente está no grupo. “Estou convencida de que hai elementos comúns en calquera tipo de problema de saúde mental. Contornos desfavorables que producen baixa autoestima, traumas ou estrés. Son contornos determinantes para que iso faga así: pum!... e rebente”, di Marta Pérez, que leva un mes dinamizando un Grupo de Axuda Mutua (GAM), o primeiro do país. Están a comezar tamén noutras cidades. O GAM da Coruña é non-mixto, só mulleres, e atende cuestións de saúde mental. Ao malestar. Que medra. Os GAM para persoas que padecen este tipo de problemas, “estean diagnosticados ou non”, son unha resposta á invasión da psicoloxía e da psiquiatría do ámbito colectivo, social, no que antano se trataban estas cuestións. Os GAM teñen que ver co fracaso daquilo que se chamou antipsiquiatría, explica Miguel Bustión, un coruñés que vive en Madrid desde que comezou a levantar cabeza, “até os 38 anos vivín na casa da nai, morto de asco, cunha diagnose de esquizo-paranoico”, que vén de iniciar un destes grupos en Ourense e cita Guillermo Rendueles para sinalar que tamén na academia hai quen entende o que di Marta, “que o sufrimento psíquico ten causas sociais” e, polo tanto, o tratamento ten que ser social, colectivo. Os GAM, insiste Miguel, tratan de quitar o foco da visión biolóxica do problema e dos tratamentos farmacolóxicos para poñelo na acción social, re-socializando a axuda. 

 

Marta

 

“Os grupos de apoio mutuo hainos de moitos tipos: para vencer adiccións, para mulleres vítimas de violencia de xénero… compártese algo, unha experiencia común. Entón aquí, á marxe de que che dixeran que tes isto ou o outro ou nada, hai cousas que son comúns, que as vivimos e que, en fin, entendémonos. Ao longo de todos estes anos fun pensando e tiña clarísimo que quería facer algo, pero tamén que debía esperar ao momento no que me sentise preparada. Por que? Porque isto supón exporme, estar aquí falando contigo ou dar unha charla. Non perdín as miñas amizades, estiveron sempre aí. Cando descubrín este tipo de grupos, pareceume o máis próximo ao que a min me apetecía crear. Podes ter na túa contorna a quen che quere, falas cunha amiga, cóntaslle, pero se a persoa non pasou por unha cousa parecida é moi difícil entendelo por moita empatía que teñas. Porque a verdade é que se pasa fatal, e ás veces non abonda con que che digan: “Pero muller, anímate”... Non se trata diso, trátase moitas veces de escoitar, sen máis”.

 

Marta buscou un espazo confortable e lanzou hai un mes na Comuna, en Monte Alto, unha convocatoria para mulleres. O grupo reúnese unha tarde á semana e conta con sete u oito participantes habituais. Marta procura que o seu papel de facilitadora se vaia diluíndo na dinámica colectiva. É un grupo heteroxéneo e aberto. “O outro día unha rapaza faloume e díxome que non manexaba habilidades sociais, que tiña dificultades para relacionarse coa xente. Díxenlle que se consideraba que o grupo lle podía axudar que benvida”.

 

A chave do grupo está na escoita. Cada muller dispón do seu propio tempo que usar para falar. As demais escoitan. Falan das súa vivencias persoais, que fixeron, como se sentiron na semana, das súas dificultades e logros. Despois dunha quenda, chega o momento de compartir ferramentas, recursos e estratexias. Se alguén di que sofre ansiedade, algunha conta como a combate cando lle pasa. 

 

“Estou axudándome a min mesma. Axúdame a aceptar as miñas dificultades, pero tamén a darlle valor aos meus logros. E remóvete por dentro, porque compartes cousas duras. Hai momentos que doen. Escoitas a outras e dóeche. Ti pasaches por iso”.

 

Marta deu co método a través de Flipas Gam, un colectivo de Madrid no que se integrara Miguel. Documentouse, preparou unha presentación e lanzouse. Di que ten na cabeza facer “unha cousa máis ampla”, pero precisa a outras mulleres con ela. No grupo as relacións son horizontais. Ningunha acode como profesional (Marta é integradora social). A asistencia é voluntaria e non hai observadores externos –inda que nalgúns GAM máis avanzados comezase a incluír persoas “expertas por experiencia”–. “Moitos dos problemas que temos é que non nos comunicamos ben nas familias. Non temos vías sas de comunicación”.

 

En Madrid, dentro do colectivo Flipas Gam, un grupo derivou nun blogue de arte (Fliparte). “Os grupos de mulleres son moi poderosos. Gustaríame que chegásemos a crear un colectivo e logo unha asociación”.

 

Miguel

 

Miguel comezou a falar do seu problema e coa xente que experimentaba dificultades similares nun programa de radio en CUAC FM. Era un grupo informal no que deu con alguén que levaba 15 anos sen pisar a consulta do psiquiatra, os mesmos que levaba el acudindo. “Comecei a rebaixar a medicación, non se pode deixar de golpe, hai que utilizala como un recurso máis. Pero é que eu tomaba quince pastillas diarias… Empecei a espertar, a investigar, púxenme a estudar e finalmente conseguín irme da casa”.

 

A finais do 2015 en Madrid organizouse o congreso mundial de Hearing Voices (os que escoitan voces). Miguel estivo colaborando con Entrevoces, un colectivo que traballou no congreso. “Aterrei en Flipas Gam no seguinte verán. Quixen axudar a outros, a xente que ten problemas familiares co alcol, que sofre machismo ou que ficou sen emprego. O apoio mutuo non vale para calquera. Tes que chegar e poñerte a traballar, porque funciona en ambas direccións, recibe e das”.

 

“Non podes defenderte só”, insiste Miguel. Os Gam foron adquirindo unha dimensión reivindicativa, de acción social, reclamando o acceso aos coidados para todos fronte ás terapias nas consultas dos especialistas, carísimas, fóra do alcance de moitos. A desigualdade opera tamén como agravante do malestar psicolóxico en zonas degradas e alí onde os vínculos sociais volvéronse máis febles. A xente non sabe como encanecer ou criar as fillas e os fillos ou se é bon ou malo finxir orgasmos. Como di Rendueles, as respostas danas os técnicos, individualizadas, cando o proceso de vivir é común. “Rendueles chama a atención sobre os traumas da cadeira baleira, onde non se podía falar dos mortos, e sobre esas áreas nas que hai maiores taxas de suicidios. Na provincia da Coruña a taxa é alta”. 

 

Hai unhas semanas, Miguel deu unha charla en Ourense diante dunhas trinta persoas. Estaba presentando un grupo de axuda. Chamárono despois de entrar en contacto con el nunhas xornadas de traballo social e psiquiatría. Alí topouse con Chus Gómez, do equipo do Hospital de Piñor, e con Benito, o pai dunha escoitadora de voces que deu co libro de Marius Ronne e traduciuno ao castelán co título Vivir escuchando. As experiencias que se contan na obra e a descuberta de que existe toda unha rede de grupos de axuda mutua animaron a creación dun grupo en Ourense. Miguel volveu para Madrid. Vai e vén. Segue traballando con Flipas Gam e apoiando accións de intervención social. O colectivo elaborou un documento para incidir no Plan de Humanización da Asistencia Sanitaria da Comunidade de Madrid cun texto de trinta e sete medidas. No punto 1 pedía “a participación de usuarios con voz directa e sen intermediarios en todo o proceso de elaboración, implantación e avaliación continúa e final do Plan”. Os GAM, sostén Miguel, poden axudar a moita xente con distintos niveis de padecemento. Minorar o malestar, “facermos unha sociedade máis xusta”.

 

Responsabilidade

 

“Si, a falta de recursos materiais pode influír”, di María. “Se xa nos costa coidarnos, e por riba non temos medios para unha boa alimentación, unha boa atención médica, un ocio saudábel… todo se complica”.  A parte social do problema, agochada pola academia e a farmacoloxía, no tiña levantado a cabeza desde que hai décadas, rexorde en forma de espazos horizontais, con límites precisos diante de condutas machistas, clasistas ou homófobas, espazos seguros no que a experiencia dunhas e doutros, o que se comparte, é o bálsamo. “Non sei que entender por curarse. Non vou depositar no GAM esa responsabilidade. O que penso é que nos axudará a sermos responsables do que nos pasa, a coidarnos, a aceptarnos e facer mellor as cousas”, conclúe Marta.

 

Tan desencantados das promesas liberadoras da antipsiquiatría como dos fármacos, os pacientes toman as bridas do seu tratamento. Piden voz e respecto (que os escoiten). E tamén queren cambiar o mundo.