Gallardón di que vai estudar a petición de indulto d@s 4 sindicalistas galeg@s condenados

O ministro de Xustiza lembrou, porén que o indulto é unha medida de gracia e, polo tanto, individual.

O ministro de Xustiza español, Ruiz-Gallardón, dixo esta segunda feira que vai estudar as peticións de indulto d@s 4 sindicalistas galeg@s condenados a prisión: Carlos, Serafín, Tamara e Ana. Unhas declaracións feitas após se reunir cos secretarios xerais dos sindicatos CCOO e UGT, que lle transmitiron a Gallardón esta solicitude.

Gallardón sixo que vai estudar estes casos mais lembrou que o indulto era unha medida de gracia, polo tanto con estudio de cada caso individual, e que a Constitución española non permite que a política de indultos sexa “colectiva”.

Segundo recollen as axencias españolas, desde os dous sindicatos mencionados tamén se trasladou ao ministro a súa preocupación polo aumento de xuízos e condenas a traballadores por participar en piquetes e folgas. Gallardón negou que houbese indicacións de actuar nese sentido, lembrando que o artigo (315.3 do Código penal) que os sindicatos sinalan como ‘responsábel’ é de 1995.