A Galiza é o territorio do Estado no que menos crianzas posúen un teléfono móbil

Imaxe de arquivo dun teléfono móbil. (Foto: Nós Diario)

Un estudo do Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (Ontsi), dependente da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, arroxou que a Galiza é o territorio do Estado español no que un menor número de crianzas cunha idade entre os 10 e os 15 anos posúen un teléfono móbil.

O informe, titulado 'O uso da tecnoloxía polos menores no Estado', mostra que 58,7% dos menores contan cun teléfono móbil no noso país. Isto quere dicir que case seis de cada dez menores posúen un dispositivo deste tipo. No outro extremo están as autonomías de Extremadura, con 82%, e Euskadi, con 76%.

En canto ao uso de ordenador, a Galiza é a terceira pola cola, con 90,7% dos menores, só por detrás de Ceuta (62,4%) e Melilla (77,1%). Catalunya é o territorio no que máis crianzas empregan ordenador, con 98,7%, seguida outra vez por Euskadi, 98,3%.

No que se refire a Internet, o noso país está un punto por debaixo da media de crianzas que empregan a ferramenta no conxunto do Estado español (97,5%). A Galiza ten unha porcentaxe de usuarios de Internet menores de 96,5%.

O 'telecole' na Galiza

A Galiza é o quinto territorio do Estado español con menor número de crianzas que residen en fogares preparados para un modelo educativo telemático, con 92,6%. Por detrás do noso país están A Rioxa (92,1%), Murcia (91,7%), Canarias (90%) e Melilla (88,7%).

Madrid, Catalunya e Euskadi encabezan esta lista, con 98,2%, 97,8% e 96,8%, respectivamente.

Os menores que na Galiza desenvolveron algún tipo de actividade docente de xeito telemático non chega a 50%. Exactamente, 44,8% dos menores asistiron a clases ou realizaron actividades a través de Internet.