#GalizaIsNotSpain, trending topic por segunda vez en menos de dous meses

Este 12 de outubro, entre hashtag conmemorativos de hispanidade, unidade e españolidade, coouse en forma de Trending Topic a reivindicación nacional galega.

#GalizaIsNotSpain volveu ser trending topic nas redes sociais. Foi este 12 de Outubro, data denomimada Día de la Hispanidad desde 1958 e antes conmemorada (II República incluída) como Día de la Raza. Unha xornada na que os hasthag e chíos exaltando España agromaron desde primeiras horas. Mais, e pouco a pouco, como se for un furón baixo as liñas inimigas, foise coando un HT que de certo moitos non agardarían: #GalizaIsNotSpain.

 

A reivindicación nacional galega ao abeiro desta palabra de orde foi variada e múltiple: desde lemas e consignas independentistas até chíos alabando a gastronomía do país, pasando por outros que defendían os sectores produtivos e o idioma. Non faltaron, claro, os que empregaron o HT para insultar, unhas veces a todos os galegos outras só a aqueles que son nacionalistas, ou para ridiculizar a demanda que se expresaba no Hastahg.

#GalizaIsNotSpain é, pois, trending topic por segunda vez en menos de dous meses. O pasado 1 de outubro este HT lograra tamén escalar aos primeiros postos da táboa das redes sociais grazas a unha voráxine de chíos con ese lema a raíz do impulso de, entre outros, @AldeánsPartido e @arrevesadovideo. Daquela, a propia conta oficial do Partido Popular emitiu un chío para advertir do perigo das ideas que acobillaba ese HT e poñer Feijóo como baluarte contra o independentismo.