Galiza rexistrou 271 tentativas de suicidio con psicofármacos en 2021

O uso de psicofármacos aumentou na Galiza (Foto: Nós Diario).
Galiza, que se sitúa como o sexto territorio do Estado con máis casos intoxicacións voluntarias por autólise, rexistra tamén 4,5% das consultas telefónicas recibidas no Servizo de Información Toxicolóxica durante o ano 2021.

O número de intoxicacións voluntarias por autólise na Galiza situouse en 2021 nos 271 casos, o que representa 5% dos casos no Estado, segundo indicou a memoria anual do Servizo de Información Toxicolóxica (SIT), que recolle consultas telefónicas recibidas por intoxicacións ou exposicións a substancias nocivas.

O informe, elaborado polo órgano pertencente ao Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses (INTCF), que depende á súa vez do Ministerio de Xustiza, sinala que no Estado español se rexistrou un incremento no número de intentos de suicidios con psicofármacos con respecto ao ano 2020, elevándose a 5.411 o número total de incidentes.

Galiza, que se sitúa como o sexto territorio do Estado con máis casos intoxicacións voluntarias por autólise, rexistra tamén 4,5% das consultas telefónicas recibidas no SIT durante o ano 2021, cun total de 3.405 chamadas.

Así mesmo, os datos indican que a nivel estatal, das 5.411 consultas por intoxicación voluntaria, 20,1% tiveron lugar entre os mozos de entre 11 a 15 anos, afectando de forma maioritaria mulleres, cunha proporción de 67,8%.

Outras intoxicacións

En total, incluíndo intoxicacións accidentais e voluntarias, a memoria mostra como causa das intoxicacións os medicamentos (50,5%), seguido polos produtos de limpeza (22,9%), os cosméticos (7,5%), produtos do fogar (6,8%), produtos industriais (3,6%) e biocidas (3%).

En relación ao tipo de produto de limpeza predominante neste tipo de intoxicacións, continúan sendo as lixivias e liberadores de cloro (27,2%), cun claro incremento en comparación con anos previos (ao redor de 15%).

A memoria, elaborada por un equipo de 20 profesionais da medicina que traballan durante os 365 días do ano nun servizo dispoñíbel as 24 horas do día, sinala que a vía de entrada predominante destes produtos foi oral (en 78,7% dos casos), seguida pola inhalación (8,4%).

Por franxas de idade e sexo, estes datos estatísticos mostran unha maior incidencia de intoxicacións en menores de 6 anos, cun terzo do total, e un lixeiro predominio de nenos (19,2%) sobre nenas (14,3%).