Expertos alertan da gravidade da situación

Galiza, sen "marxe de erro" nos hospitais

Man dunha doente ingresada nunha UCI por coronavirus (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
Nas últimas horas rexistráronse 1.727 novos positivos e máis de 16.000 casos activos, as marcas máis elevadas da pandemia. Os hospitais poderían superar os ingresos de abril nas vindeiras datas.

Galiza atópase nunha situación límite. Esta quinta feira o país rexistrou un novo récord de contaxios detectados nun día con 1.727, e acumula deste modo nove xornadas consecutivas superando o millar de doentes. Así mesmo, o número total de casos activos, que non deixou de medrar desde o pasado 2 de xaneiro, ascende a 16.030, a marca máis elevada da pandemia lonxe dos pouco máis de 10.000 que houbo no pico máximo da segunda onda.

Estes datos amosan unha tendencia ascendente e moi pronunciada que, de se cumprir as previsións, situaría a Sanidade galega ante o momento máis crítico desde a arribada do virus no país. Nós Diario analiza da man de expertos sanitarios que supón as cifras actuais e por que é preciso reverter a curva "de raíz" o antes posíbel.

Crecemento exponencial

"Globalmente, os datos son peores que os de abril, porque nos atopamos ante un crecemento case exponencial que non se aplanará até comezos de febreiro", expón Luis Vázquez, médico especialista en Análises Clínicas. Este aumento constante de contaxios sería a "consecuencia" das festas natalicias: "Se tivésemos chegado ao 23 de decembro con arredor de 1.500 casos, agora teriamos uns 5.000, mais nese intre xa se superaba esa cantidade e por iso agora hai máis de 16.000, o triple", engade.

Para Vázquez, un dos principais indicadores da gravidade da situación actual é a elevada taxa de positividade das probas de detección do coronavirus, que a quinta feira ficou en 12,1% no conxunto do país, e superou 5% recomendado pola OMS, un limiar do que Galiza non baixa desde o 24 de decembro. "Hoxe temos máis ferramentas de diagnose que nunca, e estamos a facer probas non só ás persoas con síntomas evidentes, como durante a primeira vaga, senón que se realizan grandes cribados con perto de 12.000 tests ao día", salienta. Nas últimas 24 horas, esta taxa foi moi dispar nas diferentes áreas sanitarias, mais todas elas superaron o limiar. O dato máis elevado foi o de Pontevedra (20,4%), seguido de Ourense (14,2%), Ferrol (13,55%), A Coruña (12,5%) e Vigo (10,97%).

A positividade dispárase cando se están a realizar máis probas ca nunca

Por baixo dos dous díxitos están Lugo (9,65%) e Compostela (8,5%). Porén, a área máis afectada pola Covid-19 segue a ser a coruñesa, con 4.124 casos activos (285 máis que un día antes), case catro veces a cifra do 1 de xaneiro (1.152). "O que observamos na meirande parte das áreas, en especial nas da Coruña e Ferrol, é que cada día os casos se multiplican por entre 1,3 e 1,7, o que reflicte unha positividade altísima e unha falta de diagnose e de control da transmisión na rúa", alerta Ignacio Ramil, médico internista do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), en declaracións a este xornal.

Segundo as súas previsións, "no mellor dos escenarios", a contorna da Coruña podería rematar o mes con arredor de 7.500 casos activos malia as restricións vixentes desde a semana pasada, cuxos efectos comezaranse observar pasados quince días da súa aplicación, isto é, arredor da seguinte sexta feira. Con todo, a situación tamén é crítica nas demais áreas sanitarias do país. Vigo alcanzou esta quinta feira os 2.942 doentes en activo (166 máis que na xornada anterior), e moi perto sitúase Compostela, con 2.694 (+101), seguida de Ourense, con 2.251 (+144). O maior incremento produciuse en Pontevedra, que suma un total de 1.374 após os 195 novos positivos que pasaron a quinta feira a engrosar a listaxe de casos activos, que completan Lugo, con 1.361 (+88), e Ferrol, con 1.284 (+92).

'Efecto funil' nos hospitais

A presión asistencial segue a incrementarse a un ritmo vertixinoso. No conxunto do país, esta quinta feira houbo 50 novas hospitalizacións, tres delas na UCI, facendo un total de 879 ingresos (744 en planta e 135 estado crítico). Este dato reflicte un crecemento de máis de 60% na última semana.

Novamente, a coruñesa é a área máis afectada, con 188 pacientes en planta (+8) e outros 38 na UCI (-1). Un pouco distante mais con datos igual de preocupantes atópanse Vigo, con 117 ingresos (+5) máis outros 22 en coidados intensivos (sen cambios), e Compostela, con 108 hospitalizacións (+4) e 28 doentes na UCI (+2).

Moi perto fican Ourense, con 114 persoas en planta (+11) e dez críticas (sen cambios), e Ferrol, que a quinta feira presentaba 104 hospitalizadas (+8) e outras 14 na UCI (-1). E por baixo da centena mantéñense Pontevedra, con 74 doentes en planta e 14 na UCI (ambos sen cambios), e Lugo, con 48 (+3) e 9 (+1) respectivamente.

Os 'circuítos Covid' dos hospitais galegos comezan saturarse

O aumento exponencial dos contaxios diarios ten consecuencias directas sobre os recursos sanitarios. Cos datos actuais, a taxa de ingresos en planta rolda 5%, o que significa que, de media, cinco de cada 100 novos positivos por coronavirus serán hospitalizados. A relación de persoas que precisan coidados intensivos, pola súa banda, atópase sobre 0,8%.

Se os casos diarios seguen a medrar como até o de agora, malia que aínda non se superaron os picos máximos de ocupación hospitalaria de abril (939 en planta e 178 na UCI), Galiza podería atoparse a comezos de febreiro moi perto do colapso sanitario. A Xunta conta cun "plan de continxencia" en catro fases para avaliar a presión sobre os hospitais. Compostela, A Coruña e Ferrol poderían entrar na terceira cedo. A cuarta e última implicaría o uso de hospitais de campaña.

"Cando aumentan os positivos non podemos contar só a ocupación das camas nos hospitais, porque as persoas con síntomas, aínda que non estean infectadas, teñen que usar o 'circuíto Covid', pero se hai moita saturación prodúcese un 'efecto funil' nestas zonas e, como os recursos son finitos, termínase por infectar os lugares 'limpos' do hospital", advirte Ramil, que salienta tamén o consecuente colapso da liña do 061 e lembra que na UCI non todas as camas están reservadas para tratar a Covid-19 e, no caso de superar a capacidade, Sanidade podería verse abocada a aplicar criterios de exclusión de doentes en función, principalmente, da idade.

O momento de actuar

"Non temos marxe de erro desde a semana pasada, hai que actuar xa", sentencia o médico coruñés. Para el, o pico de contaxios da terceira vaga "aínda non chegou", e incide en que a única medida eficaz neste momento é un novo confinamento: "As medidas laxas poden cortar a proxección, que non suban máis os casos, pero a incidencia acumulada a 14 días é moi elevada (560,9 na Galiza) e ten que baixar rápido", argumenta.

O confinamento preséntase como a mellor solución para reverter a tendencia

Na mesma liña apunta Luis Vázquez, quen pide ademais "axilizar a vacinación o máximo posíbel porque están en xogo moitas vidas", dixo, lembrando que nas últimas 72 horas finaron no país 54 persoas (facendo un total de 1.566 pasamentos). "As autoridades teñen que tomar medidas anticipatorias, porque non hai que ser médico nin adiviño para saber o que vén", expresou, salientando que o pasado xuño era "o momento de reforzar a Atención Primaria e contratar persoal", e non procedía "abrir a hostalaría, o comercio e o turismo para 'salvar' o curso escolar e o Nadal e logo fechar ao chegar a unhas determinadas cifras".

Así e todo, tanto Vázquez como Ramil piden tamén á cidadanía que "respecte as normas" para que non se agrave unha situación que hoxe xa é "moi preocupante".

Medran os casos en residencias e escolas

Por outra banda, os casos seguen a medrar nas residencias de maiores, onde os contaxios aumentaron onte en 46 entre usuarias (422 infectadas) e traballadoras (212). Tamén se incrementaron nos centros de atención á diversidade con 11 novos casos, facendo un total de 72 residentes e 29 profesionais.

Nos centros de ensino, as aulas fechadas superan a centena por vez primeira (103), e mantéñense os seis centros clausurados na xornada anterior. Así mesmo, os positivos ascenden a 2.461, un millar máis que a semana pasada.