Galiza supera os 10.000 casos activos en Covid-19

Cartaz indicativo para a recollida de mostras en Compostela (Imaxe: Europa Press).

Galiza supera os 10.000 casos activos de coronavirus após situarse con 10.196 esta sexta feira, despois de confirmarse por PCR nas últimas 24 horas outros 685 contaxios.

Galiza sobrepasa os 10.000 casos activos despois do incremento no número de contaxios. Así se reflicte nos datos actualizados na mañá desta sexta na web da Consellaría de de Sanidade con cifras actualizadas até as 18 horas desta quinta.

Dos 685 contaxios detectados por PCR, 154 proceden da área de Vigo, 153 da área da Coruña, 107 da de Lugo, 92 da de Pontevedra; 61 da de Santiago, 60 da de Ourense e 58 da de Ferrol.

Se se teñen en conta as altas rexistradas con respecto á quinta feira (412 máis), o incremento de casos activos (301 máis) e as persoas falecidas (nove máis), os contaxios soben nuns 722.

En canto aos casos activos, aumentan en todas as áreas sanitarias salvo nas de Ourense, onde baixan a 1.131 -21 menos que na quinta feira- e na de Santiago e Barbanza, que se manteñen en 1.338, como a xornada anterior.

Pola contra, increméntanse os casos activos nas áreas de Vigo até os 2.475, o que supón 87 máis que esta quinta; a 1.831 na da Coruña e Cee -94 máis-; sitúanse en 1.194 na de Pontevedra e O Salnés -57 máis-; Lugo conta con 1.109 -60 máis- e Ferrol colócase con 1.118 -24 máis-.

Até a data Galiza rexistrou 40.540 persoas contaxiadas por Covid-19 e 29.376 persoas curadas, o que supón 412 máis que na quinta. As PCR realizadas ascenden a 730.777, o que implica 7.865 máis que as contabilizadas até a xornada anterior.

De manterse os novos contaxios por riba dos 700 e o actual ritmo de hospitalizacións, en 20 días as UCI estarían ao borde do colapso.

Vítimas mortais

En canto ás persoas falecidas con Covid-19, ascenden a 969 tras notificar a Consellaría de Sanidade nove vítimas mortais na tarde da quinta feira, tres delas en residencias.

Esta mesma semana, na segunda, rexistrouse o maior número de mortes por coronavirus nesta segunda onda da pandemia e con cifras que se remontan a principios do mes de abril.