O mes de xullo foi "extremadamente cálido" e "moi seco", con 66% menos de precipitacións

Praia do Vao, en Vigo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
As temperaturas máximas foron, de media, 3,9 graos superiores ao habitual na Galiza nesta altura do ano, mentres as mínimas ficaron tamén 1,5 graos por riba da media dos últimos anos.

A Galiza rexistrou un mes de xullo "moi seco" no que atinxe ás precipitacións e "extremadamente cálido" en canto ás temperaturas, cunha vaga de calor histórica entre os días 11 e 15, segundo conclúe o avance do último informe climatolóxico de Meteogalicia.

Con datos recollidos nas once estacións meteorolóxicas representativas do país, a anomalía media da temperatura do mes pasado foi de +2,7 graos centígrados. Neste senso, as temperaturas máximas foron de media 3,9 graos superiores ao habitual, mentres que as mínimas ficaron 1,54 graos por riba. "Tanto nas máximas como nas medias a anomalía en xullo foi a máis elevada da serie desde 1981", asegurou a Xunta nun comunicado.

En concreto, o valor medio das temperaturas máximas foi de 28,1 graos, rexistrándose as máis altas nas ribeiras do Sil, no Miño ourensán e na comarca de Verín, con cifras próximas aos 36 graos. Pola contra, os valores máis baixos déronse na Mariña e na comarca de Ortegal, con datos próximos aos 18,9 graos.

A respecto das temperaturas mínimas, o valor medio de toda a Galiza foi de 14,6 graos, rexistrándose os máis baixos na comarca da Limia, con 8,4 graos, e os máis altos nas localidades do Condado e a comarca de Vigo, onde chegaron aos 18,9 graos.

Choivas escasas

No apartado de precipitacións, en xullo rexistrouse 66% menos que a media do valor climático normal, cunha repartición "moi desigual". As máis importantes producíronse durante a mañá do día 3 e na tarde-noite do 14, mais non afectaron por igual o conxunto do país.

"Algúns lugares quedaron con precipitacións moi escasas ou mesmo nulas e outros puntos achegáronse á normalidade ou mesmo foron húmidos", explicou a Xunta, que sinalou Vigo e O Condado como zonas nas que non se rexistraron choivas o mes pasado.

"A gran anomalía positiva nas temperaturas e a escaseza de precipitacións teñen a súa explicación nas altas presións, que foron predominantes durante xullo, impedindo a chegada de influencias atlánticas e allegando masas de aire moi cálido procedentes do norte de África e do sur da península Ibérica", engadiu.