Galiza xa figura entre os países coa taxa de natalidade máis baixa do mundo

crianzas

Rexistra 7,1 nacementos anuais por cada mil habitantes. Ningún dos 199 estados do mundo ten unha porcentaxe tan baixa.

A taxa bruta de natalidade (nacementos nun ano por cada mil habitantes) é en Galiza do 7,1. É dicir, que nun ano nacen por cada mil galegos, 7 crianzas. Un dato que nos sitúa como o país do mundo coa taxa de natalidade máis baixa se nos comparamos cos perto de estados que existen. O segundo país coa taxa bruta de natalidade máis baixa do planeta é Bosnia Herzegonina, e ten un 7,6%, porcentaxe que supera en 5 décimas á galega. E Xapón, terceiro país neste triste ranking ten unha taxa do 8%. A media no Estado español supera o 9% e na Unión Europea sitúase por riba do 10%. Xa non falemos de Níxer ou Mali, cun 45% de taxa bruta de natalidade.

Así que temos un grave problema. Volveu evidenciarse en 2015, un ano no que o número de nacementos (19.412) ficou moi por baixo do de defuncións (31.681). Unha fenda que se plasma nun saldo vexetativo de -12.269. Unha diferenza tan alta non se rexistrara até o de agora. Levamos desde 1987 (vai para 30 anos!) sen ter un saldo vexetativo positivo.

Por baixo

A isto engádese que temos dos índices de fecundidade máis baixos. Ou sexa, que estamos entre aqueles territorios onde o número de fillos e fillas por muller ao longo da súa vida fértil é menor. Galiza forma tridente con Asturies e Canarias. E moi perto delas está Madeira(Portugal). Son catro territorios en serio risco do que se denomina 'inverno demográfico', con baixas taxas de fecundidade e natalidade, e poboación aventellada.

En Galiza o índice de fecundidade é de 1,07, moi afastado do que organismos internacionais marcan como mínimo necesaripo para garantir o relevo xeracional, é dicir, a fecundidade necesaria para garantir a substitución dunha xeración por outra de igual tamaño. É o que se denomina a taxa de reemprazo xeracional e os expertos sitúana no 2,1. En Galiza estamos na metade.