Xosé Constenla publica un ensaio sobre o colapso territorial

Sobre a Galiza que xa é outra Galiza

Paisaxe de Terra de Montes. Foto: cedida.

O territorio galego sufriu a súa grande transformación no último medio século. A introdución das lóxicas do mercado capitalista conduciu á extinción dunha paisaxe, a derivada do denominado “réxime de agras”. E de aí a “unha perda acelerada e significativa da súa complexidade”. Dese tránsito ocúpase O colapso territorial en Galiza, o ensaio que lle valeu ao xeógrafo Xosé Constenla o premio Ramón Piñeiro.
 

O libro de Constenla (Compostela, 1980) é, ademais, unha defensa da xeografía como ciencia social e do espazo “como ferramenta de esxtraordinario poder analítico”. “Ausente da maioría dos grandes relatos da modernidade”, escribe no limiar da obra, “foron a historia e a economía as grandes fundadoras do pensamento social crítico e os motores protagonistas das grandes transformacións acontecidas, polo menos, nos últimos douscentos anos”.

 

Debido a esta circunstancia, a duración dos procesos centrou a interpretación dos mesmos. O espazo, o territorio, a xeografía, ficaron marxinados. E aínda que houbo pensadores galegos que se resistiron -do Seminario de Estudos Galegos a colaboradores do Museo do Pobo Galego vinculados á revista Terra- O propósito expreso do Colapso territorial en Galiza (Galaxia, 2018) é reverter esa “hexemonía historicista e economicista” e repensar, con novos lentes, a historia recente do país.

 

“Galiza non ficou allea ás transformacións da sociedade contemporánea”, di na citada introdución, “senón que se cadra, dada a súa posición periférica, padece aínda con maior virulencia as consecuencias de, polo menos, catro elementos combinados: as do capitalismo tardío, no económico; as do neoliberalismo, no político; as do pensamento único, no social; e as da posmodernidade, no cultural”.

 

Así, Xosé Constenla -cuxa anterior e primeira obra foi (Re)imaxinando o universo humano (Laiovento, 2010)- apóiase nas teses de xeógrafos e teóricos radicais como David Harvey, Henri Lefevbre ou Mike Davis para comprender e expoñer como o capitalismo avanzado produciu unha metamorfose da nación e levou o territorio galego “a unha realidade menos diversa e homoxénea”. Isto é o que denómina “colapso”.

 

O ensaio repasa así catro vértices da realidade material: as agresións ao medio natural da “sociedade postindustrial”; a cuestión demográfica e, daquela, os desequilibrios e avellentamento da poboación; “a natureza do parcelario” e a inmobilidade das terras; as infraestruturas, “o exemplo máis enérxico da aniquilación do espazo mediante o capital [...] que contribúen de xeito decisivo a segregar e xerarquizar o territorio”; e por último, os procesos de “urbanización”.

 

O colapso territorial en Galiza tamén procura, ao cabo, achegar vías para a mudanza social. Indícao expresamente a Conclusión do libro. “Este libro pretendeu contribuír a construír un relato social desde o pensamento xeográfico, nomeadamente no contexto xeográfico”, afirma, antes de pór o ramo cun chamado a que “o lente espacial” sirva para ofrecer “novas intepretacións e respostas globais para prover un proxecto de cambio social revolucionario cara a un sistema máis xusto e máis fraterno”.