Galiza volve superar os 400 contaxios en 24 horas e sitúase en cifras de marzo

Os casos positivos por Covid-19 continúan en ascenso.

As persoas falecidas soben a 780 tras rexistrar unha máis na residencia de maiores  Ballesol de Oleiros. As infeccións diarias continúan en niveis de finais de marzo, coa área de Ourense como epicentro ao sumar outros 191 positivos diarios.

Segundo os últimos datos achegados pola Consellaría de  Sanidade, detectáronse na Galiza 405 contaxios por Covid-19 nas últimas 24 horas, o que supón volver superar por segundo día consecutivo a barreira dos 400 e situarse en cifras de finais de marzo, ao comezo da pandemia. Case a metade das novas persoas infectadas, un total de 191, concéntranse na área sanitaria de Ourense.

Ademais, segundo a última actualización do novo portal  da Consellaría para informar sobre a incidencia da pandemia da Covid-19, houbo un novo falecemento nas últimas horas, o que sitúa a cifra total en 780. En concreto, a última vítima é unha muller de 93 anos que morreu na residencia de maiores Ballesol de Oleiros.

En canto ás altas, nas últimas 24 horas producíronse 319 --73 máis que o día anterior- e o total de persoas curadas desde o inicio da pandemia é de 21.425.

Aumentan os casos de persoas aínda están enfermas

Deste xeito, de acordo cos datos deste sábado, o número de casos activos da Covid-19 -é dicir, persoas que aínda padecen a enfermidade- é de 4.358, uns 94 máis que este venres.

Alén diso, Sanidade informa de que até o momento realizáronse 543.138 probas, o que supón que se realizaron 5.936  PCR en 24 horas, máis que no comunicado anterior. De todas elas, 7,9% deu un resultado positivo, unha porcentaxe similar a esta sexta feira, e que se sitúa en valores de principios de abril.

Desde o inicio da pandemia, Galiza sumou un total de 26.563 casos de coronavirus.

Áreas sanitarias

Por áreas sanitarias, a de Ourense, Verín e O Barco segue disparada con 191 novos contaxios, o que supón a segunda cifra máis alta de toda a pandemia, só por detrás deste venres, e case a metade dos detectados en toda a Galiza nas últimas 24 horas.

Ademais, a porcentaxe de positividade das probas realizadas na provincia volveu a crecer e sitúase xa en 22,5%. Ademais, as persoas coa enfermidade subiron, até as 1.474.

A segunda área con máis contaxios diarios, 65 nas últimas 24 horas -fronte ás 49 do día anterior-, é a de Santiago e Barbanza, que conta con 581 pacientes. Seguen a estas as áreas da Coruña-Cee, con 36 novos positivos (+5) e 747 casos activos, e a de Lugo-Monforte-A Mariña, con 38 diagnósticos diarios (+20) e 466 persoas coa enfermidade activa.

Tamén soben os contaxios diarios na de Pontevedra-O Salnés, con 28 rexistrados en 24 horas (+8) e 541 pacientes, e na de Ferrol, que se duplican ata as 16 (+8) novas infeccións e acumula 114 casos activos.

A única área sanitaria que anota un descenso na incidencia da pandemia é a de Vigo, que nas últimas 24 horas detectou 31 novos casos de coronavirus, unha vintena menos que no parte anterior. Nesta zona, hai 435 pacientes da Covid-19.