Galiza volve rexistrar o peor saldo vexetativo do Estado: 13.000 falecementos máis que nacementos

O noso país leva tres décadas encadeando máis mortes que nacementos. Temos das taxas de natalidade máis baixas do mundo e a taxa bruta de mortalidade supera amplamente a media estatal.

Máis un novo dato demográfico, máis unha mala nova para Galiza. Desta volta é do movemento natural de poboación, do Instituto nacional de estatística (INE). En 2016 naceron no noso país 19.049 persoas e faleceron 31.732. Temos, pois, un rexistro negativo de – 12.683. É dicir, que morreron 12.683 persoas máis das que naceron, o peor saldo vexetativo do Estado español, algo que xa non é ningunha novidade. Pero, ademais, é o peor rexistro desde mediados da década dos 70.

 

En 2015 o saldo vexetativo foi tamén  negativo para o noso país, pois houbo 12.269 falecementos máis que nacementos. Unha triste marca que superamos en 2016. A taxa bruta de mortalidade é en Galiza de 11,7 falecidos por cada mil habitantes. Son 3 puntos máis que a media española, que é de 8,8.

 

Máis preocupante é o que atinxe á natalidade. A taxa bruta de natalidade (nacementos nun ano por cada mil habitantes) é en Galiza do 7,1. É dicir, que nun ano nacen por cada mil galegos, 7 crianzas. Un dato que nos sitúa como o país do mundo coa taxa de natalidade máis baixa se nos comparamos cos perto de estados que existen. O segundo país coa taxa bruta de natalidade máis baixa do planeta é Bosnia Herzegonina, e ten un 7,6%, porcentaxe que supera en 5 décimas á galega. E Xapón, terceiro país neste triste ranking ten unha taxa do 8%. A media no Estado español supera o 9% e na Unión Europea sitúase por riba do 10%. Xa non falemos de Níxer ou Mali, cun 45% de taxa bruta de natalidade.

 

O IGE aventúrase en 2014 a proxectar como sería a pirámide poboacional dentro dunha década e advirte de que Galiza "perderá un 5,4% da súa poboación". Isto é, 147.752 habitantes no período 2013-2023. Por provincias, Lugo e Ourense serán os espazos de maior redución. E no tocante ás comarcas Os Ancares, A Fonsagrada e Sarria xunto con Baixa Limia, A Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana veranse máis atinxidas.