Galiza volve rexistrar máis de 400 positivos nun día, reputan os casos activos e aumenta a presión hospitalaria

Proba de coronavirus a unha traballadora da sanidade (Foto: Europa Press)

Todas as áreas, agás Santiago e Vigo, rexistran aumentos de casos activos e positivos diarios e a taxa de positividade sube até o 10,8%.

Despois duns días con cifras máis baixas, influenciadas en parte polos días festivos, Galiza volveu detectar en 24 horas máis de 400 novos positivos de Covid-19 e rexistrou unha nova repunta de hospitalizados e de casos activos, que afecta a todas as áreas sanitarias agás as de Santiago e Vigo.

En concreto, segundo os datos publicados pola Consellería de  Sanidade con cifras ata as 18,00 horas deste domingo, día 3, na Galiza detectáronse en 24 horas 422 positivos de coronavirus, o que supón 153 máis que os 269 informados o día anterior.

Así mesmo, tamén aumentou a presión de hospitalización convencional, con 388 pacientes ingresados, 20 máis que un día antes, aínda que os enfermos en UCI baixaron até os 54 (-3).

Por áreas sanitarias, a que ten un maior número de pacientes hospitalizados é a da Coruña-Cee, con 102 (+7), dos cales 19 están en UCI (+1). A continuación sitúase a área de Santiago-Barbanza, con 86 enfermos en hospital (-1), 12 en UCI (+1).

A área que máis  PCR positivas rexistrou foi a da Coruña-Cee, con 103, 60 máis que a xornada anterior. O segundo incremento máis importante foi o de Ourense, que pasou dos 28 positivos detectados na xornada anterior a 81, isto é, 53 máis.

Tamén destaca poderosamente o aumento de positivos rexistrado na área de Ferrol, que pasou de 9 a 54, 45 máis; e o de Pontevedra-O Salnés, onde se localizaron 56  contaxios, fronte aos 16 do día anterior (+40). A área de Lugo incrementou en 28 esta cifra, até os 57 positivos.

Pola súa banda, a área de Vigo detectou nas últimas 24 horas 28 positivos, 59 menos que o día anterior, e a de Santiago rexistrou 43, 14 por baixo dos últimos datos.

A taxa de positividade da última xornada dispárase até o 10,8% das  PCR realizadas, unha cifra que duplica a recomendada pola OMS para considerar controlada a pandemia.

Na Galiza producíronse 1.414 mortes relacionadas con esta enfermidade, cinco delas no último parte comunicado.