Galiza vive unha noite glacial con temperaturas baixo cero en boa parte do país

Xeada este sábado en Becerreá (Os Ancares) (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Localidades como Sarria (comarca homónima), Cospeito e Guitiriz (Terra chá) ou Baleira (Fonsagrada) roldaron os cinco graos baixo cero durante a madrugada deste 20 de xaneiro.

Madrugada con temperaturas baixo en cero e xeadas na maior parte da Galiza, onde os termómetros marcaron rexistros negativos mesmo en zonas de costa. Segundo os valores rexistrados polas estacións que Meteogaliza ten por todo o territorio do país, os municipios de Calvos de Randín (A Limia), A Mezquita (Viana) e A Veiga (Valdeorras) marcaron a temperatura mínima, con 5,4 graos negativos á primeira hora deste sábado.

Ademais, localidades como Sarria (comarca homónima), Cospeito e Guitiriz (Terra chá) ou Baleira (Fonsagrada) tamén roldaron os cinco graos baixo cero durante a madrugada deste 20 de xaneiro.

Xeadas

Para este sábado, Meteogaliza xa anticipaba xeadas en moitas comarcas do interior e tamén en zonas moi próximas ao litoral. Durante o día espérase que predomine a influencia anticiclónica, coas altas presións centradas ao nordés da Península collendo a Galiza ao límite do seu radio de acción.

Así, prevese un día de tempo seco, con ceos pouco nubrados en xeral, con intervalos de nubes altas. Co avance da tarde, irán aumentando as nubes desde o noroeste debido á aproximación a Galiza dunha fronte pouco activa.

Pola noite, os ceos quedarán cubertos. En canto ao vento, soprará de compoñente sur, frouxo en terra con intervalos moderados no mar, sendo forte ao final do día entre as Rías Baixas e a Costa da Morte.