Xa son máis de 40 aldeas e 129 pazos e casas señorais no noso país nos que pendura o cartel 'véndese'

Unha das aldeas en venda

Xa son máis de 40 aldeas e 129 pazos e casas señorais nos que pendura o cartel 'véndese' no noso país. A cifra vai en aumento ano a ano. Algún dos bens á venda destacan que gozan da catalogación de “patrimonial” pola Xunta. 

Continúan a aumentar as aldeas e pazos e casas señorais nos que se pendura o cartel de 'véndese' en Galiza. Un fenómeno que vai aumento ano tras ano, como tamén aumenta ano tras ano o número de aldeas abandonadas. Se en 2012 eran 20 as aldeas de Galiza que estaban á venda a comezos de 2015 esa cifra era de 33. Agora, comezado o verán de 2016, son 42 as aldeas que se venden. E iso contabilizando só as que se dispoñibilizan  no portal web inmobiliario por excelencia e especializado na venda destes bens, ‘Aldeas abandonadas’. Os interesados teñen ao seu dispor un amplo catálogo completo de aldeas galegas ao seu dispor para ser compradas. Desde 30.000 euros as máis baratas a máis de 2,5 millóns de euros as máis caras (na costa da Mariña).

Na provincia da Coruña véndense 17 aldeas, na de Lugo, 13, na de Ourense, 8 e na de Ponteevdra, 4. Hai ofertas como a dun conxunto rural perto de Oseira por 30.000 euros. Ou unha aldea de seis casas na Ribeira Sacra, por 90.000 euros. Mesmo se venden aldeas coa súa capela, todo o 'lote' por 210.000 euros.

Mais non só se venden aldeas. Tamén pazos e casas señoriais. Un total de 129 en Galiza, unha cifra que o ano pasado era de 125. As persoas interesadas poden adquirir un pazo do século XVIII de mil metros cadrados por 698.000 euros. Ou mesmo un mosteiro do século XVIII, por menos de 300.000. Ofértase un 'pazo con escudo' e especificando que “está catalogado como ben patrimonial” pola Xunta por 788.000 euros. Son só tres exemplos dos bens que se están a poñer á venda en Galiza.

Abandono

Son 1.669 as aldeas deshabitadas en Galiza mentres que se sumamos todas as que están nesa situación no resto do Estado son 1.618. Asturies, o segundo territorio, tras Galiza, en número de aldeas bandonadas, ten 696. E Castalea-León, terceira neste ranking de abandono, 242.

A dinámica de abandono non ten visos de reverterse. En 2015 foron 55 os núcleos galegos que ficaron deshabitados. O ano anterior, 75. E o 2013, 70. Ademais, en 855 aldeas galegas xa só vive un veciño. E hai 1.116 núcleos de poboación no noso país con 2 habitantes, situándose tamén ao bordo da desaparición

Imaxes tiradas dunha das aldeas e un dos pazos á venda en aldeasbandonadas.com