A Galiza que vai camiño de ser Islandia en densidade de poboación

Aldea rural Imaxe Cuarto de los trastos axel

A perda de poboación leva concellos galegos a teren unha densidade de habitantes por quilómetro cadrado equiparábeis á desta illa, os máis baixos de Europa.

Islandia é envexábel para moitos e por diversas cuestións, desde o seu nivel de renda e ingresos até o profundo respecto ao medio ambiente ou a valorización da lingua e cultura propia. Mais tamén ten problemas graves. Un deles, a demografía, cunha das súas traducións en que esta illa lidera o ránking de países europeos con menos densidade de poboación, por volta de 3%. É dicir, 3 habitantes por quilómetro cadrado, unha situación a anos luz do resto dos estados europeos. Portugal, por exemplo, ten unha densidade de 112 habitantes por quilómetro cadrado e o Estado español, perto de 93. No que atinxe a Galiza, estamos nunha densidade de 91,9.

 

Mais non todo o país é así. Hai parte do territorio galego que está máis perto de ser Islandia, demograficamente falando, que das cidades galegas. En Negueira de Muñiz, na comarca da Fonsagrada, a densidade é de 3 habitantes por quilómetro cadrado. É o concello galego coa densidade de poboación máis baixa, seguido da Veiga, na comarca de Valdeorras. Chandrexa e Vilariño de Conso son outros municipios galegos onde a densidade de poboación está baixo mínimos, máis un sinal de despoboamento e abandono do rural. Cervantes, Navia de Suarna ou Montederramo son outros concellos onde nun millón de metros cadrados non hai moito máis de 5 persoas.

 

En Nogueira de Muñiz, na comarca da Fonsagrada, a densidade é de 3 habitantes por quilómetro cadrado

 

Na zona máis despoboada do Estado español, que é unha imaxinaria rexión coñecida como ‘Serranía Celtibérica’ e que abrangue as provincias de Soria, Guadalaxara, Teruel, Cuenca e parte do interior de Valencia, a densidade está en 7,98 habitantes por quilómetro cadrado. É máis do que hai en comarcas galegas como, por exemplo, A Fonsagrada (7,88).

 

Natalidade

 

En 2016 naceron na Galiza 19.049 persoas e faleceron 31.732. Temos, pois, un rexistro negativo de -12.683. É dicir, que morreron 12.683 persoas máis das que naceron, o peor saldo vexetativo do Estado español, algo que xa non é ningunha novidade. Pero, ademais, é o peor rexistro desde mediados da década dos 70.

 

A taxa bruta de natalidade (nacementos nun ano por cada mil habitantes) é en Galiza de 7,1. É dicir, que nun ano nacen por cada mil galegos, 7 crianzas. Un dato que nos sitúa como o país do mundo coa taxa de natalidade máis baixa se nos comparamos cos perto de 200 estados que existen. O segundo país coa taxa bruta de natalidade máis baixa do planeta é Bosnia Herzegonina, e ten 7,6%, porcentaxe que supera en 5 décimas á galega. E Xapón, terceiro país neste triste ranking ten unha taxa de 8%. A media no Estado español supera 9% e na Unión Europea sitúase por riba de 10%.

 

A taxa bruta de natalidade (nacementos nun ano por cada mil habitantes) é en Galiza de 7,1. É dicir, que nun ano nacen por cada mil galegos, 7 crianzas

 

De por parte, e segundo os dados do INE publicados esta semana, Galiza perde cada exercicio por volta de 20.000 persoas de entre 20 e 35 anos. O número de habitantes de Galiza diminuiu o ano pasado en 9.495 persoas, 0,35%.