Galiza urxe unha lei de educación máis valente

Alumnado de secundaria ás portas dun centro educativo (Arxina).
A oitava reforma da lei de educación emprendida polo Estado español deixa na Galiza unha sensación de descontento entre as organizacións sindicais. Segundo denuncian, o texto aprobado hai unha semana polo Consello de Ministros renuncia a cambios esenciais en materia ideolóxica que deberían abordarse durante a tramitación parlamentaria da norma educativa. Nunha reunión coa ministra de Educación, a CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, trasladoulle a Isabel Celaá ás súas alegacións ao proxecto.

Unha semana despois de que o Consello de Ministros aprobase o proxecto lexislativo que busca derogar a Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (Lomce) e recuperar a Lei orgánica de educación (LOE) de 2006 para reformar algúns aspectos puntuais, a CIG-Ensino, sindicato maioritario do sector na Galiza reuniuse coa ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, co ánimo de presentarlle as súas alegacións á nova reforma educativa, a oitava da democracia, e instala a unha modificación máis profunda do texto durante a súa tramitación parlamentaria.

"Educación concertada, segregación por sexo e relixión centran as principais críticas".

O secretario nacional do sindicato, Suso Bermello, mais a secretaria de Organización, Marta Ferreiro, compartiron coa ministra a súa decepción ante a falta dunha "lei actualizada" que supoña "unha reforma en profundidade do sistema educativo". 

O documento de achegas que lle entregaron a Isabel Celaá recolle cuestións que, segundo  a central sindical, "incidirían claramente nunha mellora da calidade do ensino público" ademais de permitir desenvolver unha lei galega de educación.

Unha reforma insuficiente

Entre as propostas que a CIG-Ensino lle trasladou ao Ministerio de Educación destaca a gratuidade do ensino de 0 a 18 anos, a redución do número de estudantes por aula en todas as etapas educativas, unha maior protección e respecto polas linguas propias, a defensa dun sistema que realmente atenda á inclusión e á atención á diversidade, o reforzo do ensino infantil, a eliminación das probas externas e o deseño de avaliacións que inclúan tamén o sistema e as políticas educativas.

"Estamos en contra dun mir educativo que leve as docentes á precariedade".

Con todo, após a reunión, Suso Bermello puxo o acento nun dos asuntos que máis debate xerou nos últimos días malia non se desenvolver na lei que vai tramitar no Congreso dos Deputados nos próximos meses, o MIR educativo. Unha fórmula empregada Celaá na súa comparecencia para se referir á futura regulación da función pública moi criticada pola CIG-Ensino

"Polas palabras da ministra deducimos que desde o seu departamento están dispostas a negociar o deseño da futura carreira inicial e profesional do profesorado", explica Bermello en conversa con Nós Diario. "Se o que pretenden é reformar a formación universitaria e as dinámicas de orientación por parte de quen xa estamos traballando  estariamos abertos a unha negociación. Mais se o que buscan é mudar a incorporación das docentes en prácticas para substituír o salario íntegro que cobran agora por condicións máis precarias, chegado o caso, estaremos totalmente en contra".

Entrada en vigor

Doutra banda, o portavoz da CIG Ensino salientou a necesidade de que, unha vez aprobada a nova lei educativa, Lei orgánica de modificación da LOE (Lomloe), entre en vigor canto antes. "Malia o noso desacordo con moitos dos cambios que se propoñen, entendemos que ten que entrar en vigor o máis rápido posíbel para evitar o que xa recoñeceu o secretario de Estado de Educación, que aínda aprobando o texto antes do verán até 2024 os novos decretos curriculares non estarían funcionando, algo que non ten sentido á vista dos cambios mínimos que introduce a norma", asegura Bermello.

"Non nos opoñemos a que existan probas de diagnóstico que avalíen a marcha do proceso educativo mais, de existir, deben partir de parámetros totalmente diferentes".

 Ademais destas cuestións de fondo, a CIG-Ensino incidiu no seu encontro coa ministra Isabel Celaá na defensa do ensino público como única rede vehicular fronte ás escolas concertadas, para as que pide un papel complementario "só onde non exista oferta pública suficiente". Tamén incidiu Bermello na necesidade eliminar a relixión do currículo escolar, de incorporar melloras para o profesorado e de prescindir de probas alleas sometidas a "criterios economicistas". "Non nos opoñemos a que existan probas de diagnóstico que avalíen a marcha do proceso educativo mais, de existir, deben partir de parámetros totalmente diferentes", salientou. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.