“Galiza unida contra a homofobia”. Centos de persoas concéntranse para lembrar as vítimas de Orlando

Concentracións na Coruña. Compostela, Lugo, Ourense e Vigo para rexeitar a matanza homófoba nunha discoteca gay de EUA e denunciar a homofobia existente na sociedade.

Galiza unida contra a homofobia”, “Stop homofobia”, “”Basta xa de LGTBfobia”. Estas eran algunhas das mensaxes expresadas nas faixas da concentracións que decorreron en varias cidades galegas para rexeitar a matanza de Orlando e solidarizarse coas vítimas. Varios centos de persoas tomaron parte nas mobilizacións, convocadas por diferentes colectivos, e nas que se denunciou que a homofobia está presente, en maior ou menor medida, en todas as sociedades.

Na Coruña por volta dun cento de persoas acudiron á concentración, onde se gardou un minuto de silencio e deuse lectura a un manifesto. Un número similar se concentrou en Vigo, onde puxeron candeas no chan, ou en Compostela, onde decorreu na Praza do Toural baixo unha faixa que instaba a parar a fobia contra o colectivo LGTB . Tamén en Lugo e en Ourense hobo concentracións de lembranza aos asasinados en Orlando, así como en Pontevedra.

As concentracións en Galiza decorreron nunha xornada de denuncia muncial da homofobia a raíz dos asasinatos na discoteca gay de Orlando. Houbo actos en diferentes países, actos nos que tamén se denunciou que a homofobia está presente en diferenets aspectos en moitas sociedades. Un exemplo no propio Orlando, onde os gais teñen prohibido doar sangue. 

Imaxes concentracións: twitter de BNG Coruña e Pilar Fernández