A Galiza é o único territorio do Estado que mantén restricións pola Covid

As restricións de comensais por mesa seguen vixentes na hostalaría (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
O novo protocolo Covid pon fin con carácter xeral aos illamentos.

As persoas que se contaxien de Covid non terán que facer corentenas a partir desta segunda feira, salvo en casos de persoas vulnerábeis ou graves. Así o anunciou esta quinta feira o titular da Consellaría de Sanidade, Julio García Comesaña, na presentación  da nova estratexia de vixilancia e control fronte á Covid.

Para Comesaña, que apelou á prudencia da cidadanía, o novo protocolo que se aplicará representa "unha mudanza moi importante" tras a supresión das corentenas nos contactos estreitos hai un par de semanas. O titular de Sanidade pediu ademais agardar un mínimo de 15 días desde a instauración do novo protocolo para valorar os seus efectos.

Neste sentido, tamén aludiu á posíbel  retirada do uso das máscaras en interior, cuestión que non se chegou a decidir no encontro desta semana entre o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas. "Aínda non era o momento", afirmou. " Debemos ir dando pasos un a un, cun tempo no medio" co fin de "ver os resultados destas medidas. É no que estamos", apostilou o conselleiro.

Finalmente, Comesaña manifestou que están a "axustar o que teñen que facer os positivos e como xestionar os vulnerábeis". A Galiza é a única autonomía do Estado que, de momento, mantén restricións, como a presentación do certificado Covid nas visitas a hospitais e residencias de maiores e a limitación de comensais na hostalaría. As Canarias, Comunidad e a Comunitat Valenciana puxeron esta quinta feira fin ás súas medidas.

Datos Covid

Segundo os datos de Sanidade publicados esta quinta feira, os novos contaxios de Covid aumentaron na Galiza até os 2.557, polo que seguen por enriba dos 2.000 desde o 16 de marzo, mentres que ascenden a 22.649 os casos activos (implican 1.393 máis que a xornada anterior), e os hospitalizados por coronavirus increméntanse a 448, cinco máis.

Pola súa parte, a taxa de positividade disparouse a 15,9% no conxunto do país. Segundo os datos actualizados esta quinta feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas da cuarta feira, aumentan a 23 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 na Galiza, cinco máis, e mantéñense 425 hospitalizacións en unidades convencionais, mentres que 22.201 pacientes encóntranse en seguimento no seu domicilio.

O incremento dos contaxios é xeneralizado nas sete áreas sanitarias galegas, coa da Coruña e Cee á cabeza (aumentan os contaxios en 298), seguida da de Vigo (increméntanse en 277), Santiago e Barbanza (engádense 257 contaxios), Lugo (súmanselle 173), Ferrol (ascende en 147), Pontevedra e O Salnés (suma 131 mais) e Ourense (acrecentan en 114). Deste modo, con máis infeccións activas segue a área da Coruña e Cee, con 4.772, seguida da de Vigo con 4.232, Santiago e Barbanza con 3.747; Lugo con 2.726, Ourense con 2.543, Pontevedra-O Salnés con 2.396 e á cola mantense a de Ferrol, con 2.137.

As persoas falecidas pola Covid-19 desde o inicio da pandemia aumentan a 3.190 despois de notificar a Consellaría outros catro óbitos, todos eles de persoas con patoloxías previas, que se corresponden, segundo Sanidade, a unha muller de 91 anos na área sanitaria de Vigo, un home de 77 na de Lugo; unha muller de 83 na de Ourense e un home de 94 anos na área sanitaria de Ferrol.