A Galiza turística aglutina a maior incidencia

As terrazas fecharon a mediados de novembro en Sanxenxo (Foto: Europa Press)
Mentres incidencia da Covid comeza a suavizar o seu incremento, as cifras de hospitalizacións reflicten ás claras o aumento acelerado dos novos contaxios detectados nas últimas semanas. A presión asistencial  aumenta, e faino tamén nas localidades con maior presión turística onde a pandemia está a bater máis forte.

Galiza segue a temperar os novos casos diarios diagnosticados de Covid. Segundo os últimos rexistros facilitados pola Consellaría de Sanidade, con datos de até as 18 horas do domingo, o Sergas rexistrou 1.170 contaxios confirmados mediante distintas probas diagnósticas de infección activa.

Esta cifra rebaixa por terceira xornada consecutiva o pico alcanzado até o momento a pasada sexta feira.  Ás portas da fin de semana, o Sergas informou dun total de 1.593 novos positivos nun só día, a cifra máis alta no que vai desta quinta vaga. Porén, malia diminuír o ritmo de contaxios, os 1.170 casos novos comunicados esta segunda feira superan os 975 rexistrados sete días antes, á espera de ver se a tendencia á baixa da curva de contaxios se consolida nos próximos, de se manter a caída sostida da razón de taxas, que reflicte a situación da incidencia a respecto da semana anterior.

Así, a sete días, a área de Ourense é a primeira manifestar unha tendencia á baixa, mentres o resto de distritos sanitarios se sitúan no estadio previo, moderando o seu ritmo de incremento. Para o conxunto da Galiza a incidencia acumulada sitúase na contorna dos 600 casos a 14 días e  próxima a 340 a sete.

Sobe a presión asistencial

O que avanza é a presión hospitalaria. As persoas ingresadas pola Covid aumentan até as 258 fronte aos 140 de hai unha semana. Son 31 máis das rexistrados un día antes. Do total de pacientes hospitalizados, 25 reciben atención en unidades de coidados intensivos, tres máis,  233 recupéranse en planta, 28 máis, e 17.040 permanecen no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta de forma máis notábel nas da Coruña, Vigo, Ourense e Lugo e en menor medida na de Santiago. Pola súa banda, descende lixeiramente  nas de Ferrol e Pontevedra.

Casos activos

Segundo o último balance de Sanidade, Galiza conta 17.298 casos activos, medio milleiro máis que a xornada anterior. Con todo, trátase do  menor incremento rexistrado nas últimas semanas tras un mes consecutivo de ascensos. De todas as infeccións activas confirmadas, 3.121 son da área da Coruña, 1.881 da de Lugo, 2.275 da de Ourense, 2.940 da de Pontevedra, 4.065 da área de Vigo, 2.213 da de Santiago e 803 da de Ferrol.

O indicador de casos activos  recolle o cen por cento das infección detectadas na Galiza, correspondentes tanto a pacientes con tarxeta sanitaria do Sergas adscritos a calquera centro de saúde do territorio como a turistas de fóra que veranean na Galiza e dan positivo. 

Tal como aclarou o conselleiro Julio García Comesaña, os visitantes desprazados que resultan contaxiados na Galiza non computan no concello onde gozan das súas vacacións senón no seu centro de saúde de referencia, ben noutra comarca galega ben noutro territorio do Estado ou   do mundo, mais engrosan os casos activos de cada área sanitaria.

Cabe deducir, polo tanto, que a incidencia da Covid en determinados municipios, especialmente naqueles que gozan de maior presión turística, é superior á que reflicten os datos oficiais, que sen faltar á verdade, introducen un nesgo que impide observar o impacto real do coronavirus en cada localidade no transcurso desta quinta onda de contaxios.

Maior incidencia na costa

Porén, o mapa elaborado pola Consellaría de Sanidade para informar da evolución da Covid-19 en cada concello da Galiza reflicte ben, malia as ausencias dos contaxios turísticos, que as zonas costeiras son as que maior presión están a sufrir pola pandemia.

A web da Xunta non dá conta da incidencia acumulada a sete e 14 días máis recolle o número total de novos casos detectados neses períodos, o que permite calcular a cifra concreta para cada localidade. Desde Ribadeo á Guarda, Galiza suma máis dunha trintena de concellos que superan o limiar máximo estabelecido polas autoridades de 500 casos por 100.000 habitantes -na contorna de 80 en todo o territorio-.

 O concello de Viveiro vén de alcanzar o maior número de contaxio desde o inicio da pandemia, cunha incidencia que roza os 1.300 casos por cada 100.000 habitantes, ao igual que o municipio de Foz. Cariño, Ferrol, A Coruña, Oleiros e Carballo roldan ou superan os 600 casos. Fisterra fica  as portas dos 800, ao igual que o concello de Muros.

Desde esta comarca, a maior presión da Covid esténdese polos municipios próximos ás rías da Arousa, Pontevedra e Vigo. Boiro supera os 1.000 casos. Cambados e Meaño lindan os 1.400. O Grove pasa dos 1.600 e Sanxenxo dos 2.100. Pontevedra, Vigo, Baiona e Nigrán roldan o millar, aos que tamén se aproximan Toques, Melide, Arzúa e O Pino pleno camiño de Santiago.