Galiza é o territorio da UE coas nais primeirizas de máis idade

As galegas dan a luz con 34,5 anos; tres por riba da media europea.

A idade media das mulleres no momento do primeiro parto en toda a Unión Europea é de 31,5 anos,  segundo os datos que vén de publicar o Anuario 2022 de Euostat, a oficina de estatística da UE. 

Eses 31,5 anos son unha idade media que supera a Galiza, o territorio da UE onde as mulleres dan a luz a primeira crianza coa idade máis alta: 34,5 anos, tres anos por riba da media da Unión Europea. No outro extremo figura a rexión de Severozapaden, no noroeste de Bulgaria, onde as mulleres que dan a luz por vez primeira son as máis novas, cunha media de 27,2 anos.

Aumento de cesáreas

O alargamento durante estas décadas da idade do primeiro parto ten as súas consecuencias, como apuntan xinecólogos e matronas. Un dato é que por volta de 26% dos partos na Galiza —un de cada catro—son por cesárea, moi por riba da "porcentaxe ideal" que sinala a Organización Mundial da Saúde (OMS) e que debe situarse entre 10% e 15%.

"O incremento de cesáreas nos países occidentais obedece a múltiples causas", explica o xinecólogo Manuel Macía en conversa con Nós Diario. Entre estas causas o doutor apunta a idade media das nais, cada vez de máis anos. 

Se ben fisioloxicamente o momento ideal para que unha muller teña a súa primeira crianza comeza arredor dos 20 anos e dura até os 30, o contexto socioeconómico foi afastando o primeiro embarazo deste rango de idade das nais primeirizas. "Hai un aumento do risco, con patoloxías como a hipertensión ou a diabetes que nos poden levar a tomar unha actitude máis agresiva no parto", engade. 

A este factor súmase o aumento do uso de técnicas de reprodución asistida, "que aumentan as posibilidades de partos múltiples".

Causas

As mudanzas sociais e económicas ao longo destas décadas, a incorporación da muller ao mundo laboral ou a ruptura co rol imposto ás mulleres da maternidade como a súa fundación na vida son algunhas das causas, non as únicas, que están detrás do atraso da idade das nais primeirizas. Mais, por que a Galiza está a cabeza da UE nas mulleres con máis anos á hora de parir por primeira vez? 

A socióloga Ana Fernández indica a Nós Diario que "entre outras cuestións, que tamén se dan noutros territorios, creo que aquí inflúe tanto a factura da emigración, coa marcha de xente moza, como o aceleramento do proceso de avellentamento da poboación galega, para alén do déficit en servizos". 

A profesora da USC María Cadaval ten sinalado que “demografía e economía están ligadas estreitamente. As perspectivas sobre crecemento económico e as rendas salariais afectan ás taxas de natalidade", tamén á idade das nais primeirizas.