Caderno de Verán

A Galiza, terra de faros: Un dos percorridos máis demandados no verán

Faro de Sálvora

Durante 12 segundos os faros deixan de alumear o mar, “pé detrás de pé van os mariñeiros tras o pulso da claridade”, pero durante 12 segundos os barcos quedan sen a guía de luz, sen o radar, “de pouco lle serve ao navegante que non saiba esperar” os 12 segundos de medo e inestabilidade, 12 segundos de inmensidade. “Non é a luz, o que importa de verdade son os 12 segundos de escuridade”.

Jorge Drexler recolle na súa canción o momento que ignora calquera que non traballe no mar pero que semella fundamental para os mariñeiros. A luz do faro agóchase ao dar a volta durante un período de tempo moi breve pero, á vez, infinito. Na Galiza sabemos ben de faros e de luces, pero quizais non tanto dos 12 segundos de escuridade. A orixe dos faros, esas torres luminosas cuxa finalidade é guiar os barcos a terra, resulta algo confusa, pero está confirmado que se remonta até a Idade Antiga, cos primeiros intentos de navegación para explorar novas rutas de comercio. Dado que se tratan dunha ferramenta máis para facilitar o regreso dos navegantes á terra, os faros non son específicos de lugares concretos senón que se poden atopar en calquera territorio costeiro.

O nome “faro”, do grego antigo pharos, fai referencia á torre de sinais da Illa de Faro, en Exipto, localizada preto de Alexandría. É nesta cidade exipcia onde se localizou un dos primeiros faros importantes da Antigüidade. Construído no ano 279 a.C. por orde de Tolomeo I, contaba cunha torre de 100 metros de altura, constituíndo unha das estruturas máis altas feitas polo ser humano durante moitos séculos, sendo considerado unha das sete marabillas do mundo antigo. Naquela altura, os faros funcionaban grazas a unha fogueira permanentemente acesa no alto da construción que servía de referencia para os mariñeiros.

A Galiza sempre estivo moi vencellada ao mar e, en consecuencia, aos faros. A súa tradición mariñeira motivou que hoxe en día o noso país tamén se coñeza como a 'terra de faros'.

“Como aparece o lume nun lugar solitario do cume dun monte aos navegantes que vagan polo mar (...) a quen as tempestades distancian dos seus, da mesma maneira, o resplandor do fermoso e labrado escudo de Aquiles chegaba ao éter”. Estas palabras foron escritas por Homero na Ilíada. No seu canto XIX, constátase a existencia dos faros mediante a comparación da súa luz co resplandor do escudo de Aquiles. Esta obra grega do século VIII a.C. e, ao igual outros numerosos documentos da Antigüidade, demostra que xa entón se empregaban os faros, unhas construcións que chegaron até os nosos días con moi poucos cambios no seu funcionamento.

Ao longo da historia, a Galiza sempre estivo moi vencellada ao mar e, en consecuencia, aos faros. A súa tradición mariñeira motivou que hoxe en día o noso país tamén se coñeza como unha terra de faros. Moreas de turistas chegan cada ano ás nosas costas co obxectivo de visitar os seus faros. Tan atractiva semella esta actividade que os faros xa son considerados un dos puntos turísticos máis emblemáticos do territorio galego. Quizais os máis recoñecidos sexan os da Costa da Morte, a zona con máis cantidade de faros polo perigo das súas augas nas que tantos barcos teñen naufragado, pero realmente, a presenza dos faros enche todo o litoral galego.

Un dos percorridos que nos últimos anos acadou unha gran importancia como actividade moi atractiva para desenvolver na Galiza é a ruta dos faros, unha ruta de sendeirismo de 200 quilómetros que percorre os faros e os principais lugares de interese entre Malpica e Fisterra, ao longo da Costa da Morte. Semella un plan moi adecuado para o verán e máis cando as restricións debidas á Covid-19 provocan que se cancelen moitos dos eventos e festividades desta temporada estival. Escoller algúns días no verán para pasear á beira do mar descubrindo novos lugares do país parece a opción máis segura e amena para realizar con familia ou amizades.

A ruta dos faros está formada por un total de oito etapas cunha extensión media de 25 quilómetros que atravesan praias, dunas, cantís, bosques, castros, miradoiros, vilas mariñeiras...

A ruta dos faros está formada por un total de oito etapas cunha extensión media de 25 quilómetros que atravesan praias, dunas, cantís, bosques, castros, miradoiros, vilas mariñeiras e, por suposto, faros, moitos faros desde os cales poder observar os mellores solpores da Galiza. As oito etapas que compoñen o percorrido parten das localidades de Malpica, Niñóns, Ponteceso, Laxe, Arou, Camariñas, Muxía e Nemiña. Dado que o percorrido é lineal e continuo, existe a posibilidade de realizalo todo deseguido, facendo noite na vila que se encontra ao final de cada tramo, ou ben realizar algunha das etapas de maneira independente. Neste caso será necesario procurar un transporte que nos devolva ao final do día ao punto de partida.

Algúns dos faros que se visitan ao longo da ruta son o de Touriñán, situado no cabo homónimo desde o cal se pode ver, nalgúns momentos do ano, o último solpor da Galiza, pois é unha zona que se encontra nos límites máis occidentais do continente, e o faro Vilán. Este, declarado no ano 1933 Ben de Interese Estatal, garda no seu interior un museo que conta algunha das circunstancias máis relevantes da súa historia. O faro da Punta da Barca aparece ao lado mesmo do santuario da Virxe do mesmo nome, no concello de Muxía. A ruta segue até o Roncudo, no límite setentrional da ría de Corme e Laxe. O nome deste faro provén do ruído que producen as ondas ao romper contra os cantís da zona, onde os percebeiros arriscan a vida para recoller os considerados como mellores percebes do mundo. Na banca contraria desa mesma ría, aparece o coñecido como o irmán xemelgo do Roncudo, o faro de Laxe, situado xunto a escultura da Espera en homenaxe ás viúvas dos mortos, as mulleres que agardaban en terra os seus homes engulidos polo mar.

O último faro da ruta é o que finaliza a experiencia que, como unha verdadeira peregrinación polo litoral, remata no faro de Fisterra, situado nunha zona de mar tan bravo que a finais do século XIX foi necesario engadirlle unha bucina para que o seu son chegase a máis de vinte millas. Conta o actor Miguel de Lira que, de neno, cada noite quedaba durmido na súa vila natal arrolado polo son da bucina que proviña da punta oposta da ría, o son da Vaca de Fisterra.

Quizais a beleza destes faros non estea só na paisaxe que presiden polo día, nin na que alumean pola noite, nin na súa propia construción, senón no momento de escuridade que provoca cada volta da lanterna no que o mundo enteiro semella deterse durante eses 12 segundos de escuridade. Como pedindo axuda, segundo di nun dos seus poemas Manuel Antonio, “o faro estraviado daba o S-O-S n-o morse – clave Orión – d’as estrelas”.