Galiza terá un verán "máis seco e cálido do normal", na liña dos últimos meses

Unha praia de Marín, o pasado 5 de xuño (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
Aemet salienta que durante a primavera só choveu 65% do valor habitual no país.

Na madrugada da vindeira segunda feira, 21 de xuño, dará comezo a estación estival. Este ano, na Galiza será "máis seca e cálida do normal", segundo as previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), que nesta quinta feira expuxo nunha rolda de prensa decorrida nas instalacións da Delegación do Goberno estatal na Coruña.

Francisco Infante, delegado da Aemet na Galiza, fixo tamén referencia á inestabilidade meteorolóxica producida ao longo do día de hoxe, que se manterá até este domingo, momento en que comezará a mellorar o bo tempo.

Aliás, para a noite de San Xoán —23 de xuño— agárdanse "temperaturas frescas" con mínimas próximas aos 10 e 15 graos e unha ausencia de precipitacións.

Balance primaveral

A respecto da primavera, que está a piques de concluír, Infante considerouna "cálida e moi seca". Deste modo, as temperaturas foron 0,6 graos centígrados (ºC) máis altas que a media histórica, xa que o mes de abril foi especialmente caloroso, cunha suba de 1,5ºC, en contraste con maio, "lixeiramente frío" para a Aemet (-0,1ºC), e marzo, que decorreu de forma "normal" malia unha leve repunta por riba da media habitual (+0,4ºC).

A temperatura máxima absoluta deste período rexistrouse o 31 de maio na cidade de Ourense, con 32,9ºC. En contraposición, Xinzo de Limia tivo a mínima marca do termómetro o 9 de marzo, -6,1ºC.

No relativo ás precipitacións, Infante apuntou que na primavera choveu "65% do valor normal de todo o período da Galiza". A este respecto, afirmou que marzo foi o quinto máis seco da serie histórica no que se refire ás cantidades acumuladas, que "apenas superaron 20% do valor medio".

Tamén abril foi un mes seco, ao ter alcanzado 75% da media mensual, mentres maio, pola contra, foi "lixeiramente húmido", cunha porcentaxe de 102% con respecto ás precipitacións que viñan sendo habituais.

O delegado da Aemet na Galiza sinalou que a primavera foi "tranquila" no que concirne aos temporais, destacando unicamente a borrasca Lola. Choveu 35 días —dous menos que o habitual—.

A respecto da tormenta que axexou Ourense o pasado domingo, Infante dixo que se trata dun "rebentón húmido", producido pola gran cantidade de precipitacións, xerando unha corrente de vento vertical cara ao chan "moi intensa" e con "moitas choivas". É un fenómeno, apuntou, "pouco habitual".