A Galiza ten a taxa de discapacidade máis alta do Estado español

A taxa é de 116,5 persoas por cada 100.000 habitantes. (Foto: Megaflopp)
A Xunta da Galiza inviste case dous millóns de euros menos en políticas de benestar social que nas últimas contas do Goberno bipartito, en 2009.

A Galiza ten a taxa de discapacidade máis alta do Estado español, con 116,5 persoas por cada 100.000 habitantes, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE) para o ano 2020.

A taxa galega é 20 puntos superior á media española (97 por 100.000), seguida de Canarias (115) e Castela-A Mancha (111,4), segundo a Enquisa de Discapacidade, Autonomía Persoal e Situacións de Dependencia (AGE) difundida esta terza feira, que ten en conta todas as persoas maiores de seis anos.

Por sexos, hai certas diferenzas no país, xa que a taxa dos homes é de 101, mentres que entre as mulleres ascende a 130,8. A máis idade, máis probabilidade de ter unha discapacidade. Entre os 6 e os 44 anos sitúase en 22 por cada 100.000 habitantes na Galiza. Porén, nos maiores de 80 anos chega aos 531.

A subdirectora de Estatística Social Sectorial, Margarita Ferruelo, destacou en rolda de prensa que o determinante do sexo e a idade quedou rexistrado no estudo e que, insistiu, "a discapacidade aumenta a medida que aumenta a idade".

Con todo, segundo indicou, a maiores tamén "afecta máis as mulleres". Así, segundo os traballos do INE, a taxa de discapacidade nos homes é superior á das mulleres até os 34 anos no conxunto do Estado, alcanzando a máxima diferenza entre sexos despois dos 70 anos.

Medio millar de persoas faleceron nas listas de agarda da dependencia

A respecto da dependencia na Galiza cómpre lembrar que, segundo datos da Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais presentados o pasado decembro, no país faleceron en 2021 perto de medio millar de persoas nas listas de agarda da dependencia; en concreto, 448.

375 persoas desta listaxe do país xa viran recoñecido o seu dereito a recibir unha prestación no momento do pasamento. Porén, aínda non viran efectuados os primeiros pagamentos das axudas.

Outras 73 galegas e galegos dos que faleceron tiñan pendente a resolución do seu grao de dependencia, para saber se as administracións públicas lles concedían o dereito.

Aliás, segundo este mesmo colectivo, o orzamento do Goberno galego en políticas de benestar social perdeu 1,9 millóns de euros desde 2009. Se o investimento da Xunta en 2020 foi de 868 euros, o Goberno vasco destinou 2.552 euros; o navarro, 2.058, e o castelán-leonés, 1.634 euros.