Por que Galiza ten o peor plan de xestión da rede natura do Estado?

Así o denuncia o 'Naturómetro 2016' de WWF, que considera quenon garante as Zonas de especial conservación (ZEC) galegas.

Galiza, fecha-cancelas. Así figura o noso país na clasificación dos territorios do Estado español a respeito da calidade dos plans de xestión dos lugares da Rede Natura 2000 (denominados Lugares de importancia comunitaria, LIC). O 'Naturómetro 2016' da organización WWF é contundente e afirma que Galiza dispón do peor plan de xestión de todo o Estado para estes espazos. Na categoría de “graves carencias” está o plan galego por se reducir case a unha simple declaración de intencións, sen financiamento nin posibilidades operativas. Todo o contrario aos que hai en Euskadi, Baleares ou Valencia, cualificados pola organización ambientalista como “no bo camiño”.

WWF debullou e analizou os plans dos 59 LICs galegos. E non gustou do que atopou, ou non atopou. Considera que o documento é “completamente insuficiente” para unha “correcta xestión” da Rede Natura 2000 en Galiza. Mesmo considera que non pode darse por legais as declaracións de ZEC (Zonas de especial conservación) realizadas a través deste plan director.

“Non se pode asegurar a conservación das ZEC galegas”, afirman os ambientalistas, pois o plan é sobradamente xeralista e non contempla cuestións fulcrais en canto a obxectivos r medidas de conservación.