A Galiza ten o dobre de persoas sen fogar que a media do Estado español

A media de 'senfogarismo' no Estado é de 86,6 persoas por cada 100.000. (Foto: Nós Diario)
165,7 de cada 100.000 habitantes sofren esta problemática no país, onde até 25,2% da poboación está en risco de pobreza ou exclusión social.

A Galiza é o sexto territorio do Estado español con máis persoas sen fogar, ao contar con 165,7 por cada 100.000 habitantes, segundo os datos que publica esta cuarta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE).

De media, a nivel estatal, por cada 100.000 habitantes hai 86,6 persoas sen fogar. As maiores taxas sitúanse na cidade autónoma de Ceuta (391,4), Euskadi (315,9), Nafarroa (214,7) e Cantabria (182,6).

Pola súa parte, País Valencià (14,8), Catalunya (42,6), Castela-A Mancha (45,0) e Rexión de Murcia (48,4) posúen na actualidade os rexistros máis baixos.

No caso concreto da Galiza, segundo as razóns para abandonar o aloxamento que tiñan antes de verse sen fogar, a porcentaxe máis elevada correspóndese coa perda do traballo (23%).

A continuación sitúanse motivos como ter que empezar de cero após emigrar a outro país (20,4%), non poder pagar máis o aloxamento (17,2%) e o desafiuzamento da vivenda (9,3%).

Unha de cada catro persoas, en risco de pobreza

Esta actualización estatística chega dous días despois de que a Rede Galega contra a Pobreza (EAPN-Galiza) presentase o seu balance anual sobre o estado da carestía no país, cuns rexistros que sitúan 25,2% da poboación en risco de pobreza e/ou exclusión social.

Segundo este mesmo documento, o dereito a unha vivenda digna e accesíbel agravouse en 2021, pois 5,4% da cidadanía ten uns gastos de vivenda superiores a 40% dos seus ingresos, mais entre as persoas en situación de pobreza esa cifra quintuplícase até alcanzar 24,8% da xente.