Galiza ten activos máis de 4.000 casos de vítimas de violencia machista

José Miñóns nas xornadas (Foto: Delegación do Goberno español)
A Delegación do Goberno español informou que hai 688 as mulleres vítimas de malos tratos na Galiza usuarias do servizo de atención telefónica 24 h 'Atenpro' e 113 maltratadores condenados están vixiados permanentemente con dispositivos de control telemático. 

O sistema de seguimento policial de violencia de xénero (VioGen) na Galiza conta na actualidade con 4.057 casos activos, segundo os datos achegados polo delegado do Goberno español, José Miñóns, con motivo da inauguración das III Xornadas Formativas a Corpos e Forzas de Seguridade do Estado nesta materia.

Trátase dunha actividade organizada pola Delegación do Goberno con motivo da celebración do 25 de novembro, Día Mundial da Eliminación da Violencia contra a Muller. 

Miñóns, na súa intervención, destacou o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero como un "instrumento efectivo e necesario" ademais de lembrar que desde a súa aprobación "transferimos á Xunta e aos concellos galegos máis de 37 millóns de euros para proxectos de prevención e tratamento de casos de violencia machista". 

688 mulleres vítimas

Segundo informou Miñóns, 41 concellos galegos contan co sistema VioGen.

Alén diso, cifrou en 688 as mulleres vítimas de malos tratos na Galiza usuarias do servizo de atención telefónica 24 h 'Atenpro' do Ministerio de Igualdade.

Ademais, precisou que "113 maltratadores condenados están vixiados permanentemente con dispositivos de control telemático". 

Fóra das xornadas, en declaracións aos medios de comunicación, apelou á formación como un elemento "básico" para axudar ás vítimas e evitar que "unha soa muller sufra esta persecución machista".

Preguntado sobre as demandas doutro xulgado contra a violencia de xénero na Coruña, admitiu que é unha petición que se fai tamén "noutras zonas da Galiza" e asegurou que están a traballar desde o Goberno niso, recoñecendo que se necesita "a formación necesaria para os xulgados" que nestes momentos non hai.