Galiza supera o récord de hospitalizacións da segunda vaga e a barreira das 1.500 persoas falecidas

Persoal sanitario atende na UCI un paciente de Covid-19. (Foto: Europa Press).

A evolución da Covid na Galiza complica a situción nos hospitais da Galiza e aumenta a presión asistencial. Por áreas sanitarias, Ourense, Santiago A Coruña e Ferrol ofrecen os peores datos en canto a incidencia acumulada a 14 días.

Galiza suma 1.244 novos casos de coronavirus en 24 horas e pecha a semana con máis de 7.500, unha cifra que deixa unha media diaria por riba do millar de novos positivos. Mais o empeoramento da pandemia tamén se reflicte o noutras cifras. Nas hospitalizacións e no número de persoas falecidas, dous indicadores que tardan en reaccionar ao agravamento da situación pero que xa advirten dunha evolución negativa.

A saúde das persoas reséntese e complícase a presión asistencial. En sete días as hospitalizacións creceron máis dun 50%. Hai unha semana os centros sanitarios galegas atendían 360 doentes, hoxe son 655, marca superior á rexistrada na segunda vaga, e dos cales 98 permanecen en Unidades de Coidados Intensivos, 37 máis que o pasado domingo.

Segundo o último balance facilitado pola Consellaría de Sanidade, o número de persoas falecidas supera xa o limiar das 1.500. Tras a notificación de catro novas defuncións, son 1.503 as mortes relacionadas coa Covid-19 na Galiza.

Cifras récord

A actualización de datos que ofrece a diario o Servizo Galego de Saúde deixa a Galiza no contorno dos máximos rexistrados nos últimos días. O número de casos novos detectados en 24 horas sitúase en 1.244, dos cales 1.124 foron diagnosticados mediante PCR. É a segunda cifra máis alta rexistrada no que vai de pandemia e correspóndese cunha xornada na que o número de probas realizadas volveu diminuír até as 9.500.

Após unha lixeira moderación, os número advirten un forte ascenso dos novos ingresos. O Sergas computou 58 novas hospitalizacións, nove delas en coidados intensivos, o que deixa os pacientes críticos á beira do centenar.

Presión hospitalaria

De feito, son os hospitais os que achegan os peores datos da xornada con aumentos xeneralizados en case todas as áreas sanitarias. A Coruña sumou 17 pacientes novos; Vigo, 15, e Ourense, 13. Santiago mantén as cifras totais mais aumenta a presión asistencial na UCI, con 14 doentes, dous máis.

Desta forma, A Coruña mantense como a área con máis hospitalizados Covid con 173, 28 críticos. Santiago tamén supera a centena, con 109 doentes. Achégase Ferrol despois de sumar sete pacientes. En total conta 96, 13 deles en UCI. En Vigo os pacientes soben a 84, dos cales 18 son críticos. Na área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras hai 82 doentes, e en UCI. Pontevedra sumou dous novos ingresados até os 68, con 12 camas ocupadas na unidades de críticos, mentres que en Lugo hai 43 persoas hospitalizadas, seis delas en UCI, tras dous novos ingresos.

Positividade

A taxa de positividade diaria ofrecida polo Sergas sitúase en 12,2%, de novo en valores máximos desde comezos de abril e lonxe do limiar de 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia nun territorio.

As taxas foron especialmente elevadas nas áreas sanitarias da Coruña e Ferrol, próximas a 20%, mentres que a porcentaxe máis baixa rexistrouse en Lugo, aínda tres puntos por riba do limiar da OMS cun 8,3% de positivos nas probas practicadas.

Galiza xa supera os 400 casos por 100.000 habitantes a 14 días

As maiores subas de contaxios déronse nas áreas da Coruña e Cee, con 337 novos positivos; Vigo, con 252, e Ourense, con 148 positivos. En Santiago e O Barbanza detectáronse 145 casos novos, 88 en lugo, 84 en pontevedra e 70 en ferrol.

Casos activos e incidencia acumulada

Esta evolución deixa os casos activos noutra cota máxima da pandemia: 12.508, 842 infeccións máis que as rexistradas a xornada anterior. Na análise por áreas destaca a zona da Coruña, que sobrepasa a barreira dos 3.000 casos activos, seguida de Vigo e Santiago con 2.333 e 2.245 respectivamente.

Estes datos deixan unha incidencia acumulada en alza. Galiza xa supera os 400 casos por 100.000 habitantes a 14 días, unha cota que se leva na áreas sanitarias de Ourense e Santiago por riba dos 500.