A Galiza supera a maioría dos límites de contaminación atmosférica da OMS

A fábrica de ENCE en Pontevedra eleva o nivel de contaminación da cidade malia a baixada do tráfico (Foto: Estevoaei).
A contaminación do aire, unha realidade que respiran acotío nove de cada dez persoas no mundo, provoca máis mortes que a pandemia da Covid-19. Non obstante, a situación continúa a ser unha constante até na Galiza, onde se superan a maioría dos parámetros da OMS, incluso nun ano con menos actividade como foi 2020.

"Cabe cualificar o estado global da calidade do aire ambiente na Galiza durante o ano 2020 como bo", subliña o Informe anual da calidade do aire da Galiza de 2020, o máis recente dispoñíbel, elaborado pola Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Iso si, o documento matiza que esta situación está "fortemente influenciada polos efectos do confinamento derivado da pandemia da Covid-19", ao incidir na concentración "dos contaminantes cuxa principal fonte é o tráfico rodado".

Non obstante, a avaliación positiva feita pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático está intimamente ligada aos límites de contaminación marcados polo Estado español, que chegan a ser até cinco veces máis altos que os definidos pola Organización Mundial da Saúde (OMS), como acontece no caso das partículas en suspensión de menos de 2,5 micrómetros (5 μg/m3 a OMS e 25 μg/m3 o Estado).

Outro tanto acontece coas de menos de 10 micrómetros, 15 μg/ m3 de media anual a OMS e 40 μg/ m3 o Estado; o ozoFáno, 60 μg/m3 de media horaria contra 180 μg/m3; o dióxido de nitróxeno, 10 μg/m3 de media anual e 40 μg/m3, e o dióxido de xofre, 40 μg/m3 de media diaria contra 125 μg/m3.

Esta diverxencia de criterios tradúcese en vidas, apunta a OMS, que estima que se producen cando menos 4,2 millóns de mortes prematuras ao ano por mor da contaminación atmosférica, especialmente polo efecto das partículas en suspensión máis pequenas, as PM2,5, que poden acceder ao torrente sanguíneo e ás vías pulmonares. Esta cifra supera o número de defuncións provocadas pola pandemia de SARS-CoV-2 en 2021, no que perderon a vida 3,5 millóns de persoas. O organismo cuantifica que arredor de 58% destes falecementos chegan como consecuencia de doenzas coronarias e accidentes cardiovasculares, 18% por infeccións respiratorias e enfermidades pulmonares obstrutivas crónicas, e 6% por cancro de pulmón.

Un recente estudo destaca que até un terzo das persoas falecidas só polas PM2,5, 30 millóns de persoas entre 2000 e 2019, poderían terse salvado de cumprirse cos límites da OMS, que daquela eran superiores ao limiar actual.

"Nove de cada dez persoas" do planeta viven en lugares cunha contaminación superior á permitida, advirte Carmen Diego, xefa do servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e membro da Sociedade Galega de Patoloxías Respiratorias. Diego insiste en que o ideal é "cumprir os estándares do aire da OMS con respecto a todos os elementos da contaminación", e explica a diverxencia entre os seus criterios e os marcados polo Estado en que "desde o punto de vista da actividade industrial (a principal causa da contaminación xunto o tráfico rodado)", os niveis da OMS "son difíciles de conseguir", polo que a lexislación opta por "flexibilizar os límites".

Con todo, reitera a importancia para a saúde de que os territorios cumpran con estes límites, incidindo na ampla gama de doenzas provocadas pola contaminación, desde o aumento dos casos de asma a cancro de pulmón ou ictus.

Dióxido de xofre

Os límites de dióxido de xofre son os únicos que se cumpren entre os elementos que xeran contaminación no aire na Galiza, con apenas dúas superacións anuais dos marcadores en 2020 para este gas incoloro provocado polos combustíbeis fósiles que conteñen xofre.

Dióxido de nitróxeno

Os procesos de combustión tamén emiten dióxido de nitróxeno, NO2, unha das fontes das PM2,5 e PM10. Malia que a Administración recolle no informe da calidade do aire que os límites non foron superados, unha vez aplicada a normativa da OMS obsérvase que incluso nun ano con menos tráfico e actividade industrial polo coronavirus, e co feche programado da central térmica de ciclo combinado das Pontes, todas as cidades galegas -agás Lugo, que se atopa no limiar- superan os 10 μg/m3 anuais estabelecidos pola entidade sanitaria.

A maior concentración deste contaminante sitúase sobre Pontevedra, Ferrol, A Coruña, Vigo e Ourense, de feito, estas tres últimas urbes chegan a duplicar os límites marcados.

Ozono

O O3 é o resultado da reacción fotoquímica entre a luz solar e contaminantes procedentes polos vehículos e a industria, e atópase no país nun estado semellante ao do NO2. Medio Ambiente fai fincapé en que non se superaron os 120 μg/m3 durante máis de 25 días. Amais de ter un límite máis baixo, a OMS considera seguro que non se superen os límites máis de 3-4 días ao ano.

Nese sentido, até catro estacións de control reportaron datos coherentes con estas cifras, observándose o maior número de superacións no sur e oeste da capital do país, Santiago de Compostela, e nas comarcas do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta. As estacións de medición con máis rexistros, aínda cos requisitos máis laxos, é a de Buscás, en Ordes, con seis superacións, e a de Campelo, en Poio, con sete.

Partículas en suspensión

En todo o territorio galego, recoñecen os datos ofrecidos pola Administración, supéranse os límites da OMS no elemento da contaminación atmosférica que máis dano provoca na saúde humana, as PM2,5, sobre todo nas cidades. No que atinxe ás PM10, que poden entrar directamente nas vías respiratorias, tamén se superan os límites en boa parte da Galiza, con Lugo, Compostela e Pontevedra no limiar, que se supera con claridade na Coruña, Ferrol, Vigo e Ourense.

A pesar destas cifras, Cristóbal López, de Ecoloxistas en Acción, critica que Concellos como Vigo sitúen algúns dos seus medidores en zonas verdes, polo que non rexistran a contaminación real que respiran a diario as cidadás e cidadáns.

Un problema das cidades

"O problema está nas cidades ou á beira de polígonos con industrias moi contaminantes, que polo xeral están moi perto das cidades", destaca López, que tamén sinala o tráfico como o causante principal, polo que excluiría Pontevedra desta listaxe de non estar Ence. "Que marquen os límites que queiran pero que os cumpran", reclama.