Galiza supera os dous millóns de persoas coa pauta completa de vacinación

Colas para a vacinación na Cidade da Cultura. (Foto: Europa Press) #coronavirus #covid19 #vacina #vacinación #inmunización #pandemia #tratamento
Continúa a vacinación da xente máis nova mentres a poboación galega coas dúas doses administradas roza 75% do total.

Galiza vén de superar a barreira dos dous millóns de persoas inmunizadas, após recibir a segunda dose da vacina esta sexta feira un total de 36.158 persoas. Concretamente, son xa 2.004.452 os galegos e as galegas que contan coas dúas doses da vacina contra o coronavirus, o que supón 81,66% da poboación diana e 74,7% da poboación xeral.

De acordo co último balance publicado por Sanidade na mañá deste sábado con datos do venres, as vacinas recibidas sitúanse en 4.074.675 ─sen cambios respecto da xornada anterior─. Delas, administráronse, 4.047.960, o 99,3%.

Por grupos de idade, até agora foron inoculados 176.864 (+184) mozas e mozos de entre 20 e 29 anos, o que representa 76,6% da poboación nesta franxa susceptíbel de recibir a vacina.

Mentres, recibiron polo menos unha dose 254.901 (+225) persoas de entre 30 e 39 anos de idade, o que supón 78,8% do grupo, e a poboación maior de 40 anos que recibiu polo menos unha dose ascende a 1.645.211, 95,6% da poboación diana.

Vacinación da xente nova

Tamén avanzou o proceso de vacinación dos máis novos, após iniciarse o proceso para maiores de 12 anos esta mesma semana co obxectivo de chegar ao comezo do curso escolar con gran parte dos menores inmunizados. Así, un total de 154.963 mozos e mozas de entre 12 e 19 anos recibiron polo menos unha dose da vacina, 95 máis que na última xornada.

En canto ao total poboacional, hai 2.231.939 persoas que recibiron polo menos unha dose da vacina contra a covid, 91% da poboación diana e 82,6% da poboación na súa totalidade.