A Galiza rexistra máis de 8.500 casos activos e 14 novos ingresos por Covid

(Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A Consellaría de Sanidade notifica 700 contaxios novos 

A evolución da pandemia de coronavirus mantén a tendencia á alza. As estatísticas da Consellaría de Sanidade reflicten un incremento nos principais indicadores da Covid e referendan as chamadas á precaución coas que deu comezo a ponte festiva de decembro.

Segundo os últimos datos divulgados, a Galiza abeira os 8.600 casos activos de Covid. Hai 8.591 infectadas polo coronavirus, unhas 3.500 máis que hai unha semana e 387 máis que onte.

As áreas sanitarias de Ourense e Vigo son as que encabezan o ascenso, con perto de 200 novas infeccións cada unha e as únicas por riba das 2.000.

O número de contaxios notificados polo Sergas nas últimas 24 horas sitúase arredor dos 700. En concreto, foron 697 novos positivos, 282 máis que hai unha semana, unha cifra que deixa, de media, 750 novos contaxios diarios nas últimas sete xornadas.

Por áreas sanitarias, Vigo, anotou 224; Ourense, 186; Pontevedra, 113; A Coruña, 79; Santiago, 71; Lugo, 44, e Ferrol, 18.

Presión hospitalaria

Segundo os datos publicados na mañá desta segunda feira por Sanidade, con datos rexistrados até as 18 horas deste domingo, mantéñense en 35 as persoas ingresadas en UCI pola Covid na Galiza e soben a 202 as hospitalizadas noutras unidades, 237 en total.

Neste sentido, o incremento da presión hospitalaria por mor da pandemia rexistrouse fóra das áreas de críticos e supuxo o ingreso de 14 novos pacientes nos centros sanitarios galegos.

Incidencia

Na última semana, case oito de cada dez concellos galegos notificaron algún caso de coronavirus. A taxa de positividade sitúase neste período perto de 10%, lonxe de 5% fixado pola Organización Munidal da Saúde para dar por controlada a transmisión do virus.

A incidencia acumulada sitúase para o conxunto do territorio na contorna dos 310 casos por 100.000 habitantes a 14 días. No caso das sete cidades galegas, o impacto da Covid nas dúas últimas semanas é moi diferente e advírtese nas cifras. Ourense é a urbe con maior incidencia. Supera xa o millar de casos por 100.000 habitantes. No outro extremo, Santiago, 165 casos.

Desde o inicio da pandemia, o número de persoas falecidas con coronavirus sitúase en 2.681 tras notificar Sanidade tres mortes mási nas últimas horas.