Galiza supera os 7.000 casos activos e rexistra 525 novos contaxios en 24 horas

(Foto: Europa Press)

O número de persoas falecidas na pandemia é xa de 880. Aumentan a 459 as persoas con  Covid hospitalizadas, delas 58 en UCI

O coronavirus na Galiza continúa a avanzar e se estender con cifras por riba dos 500 contaxios diarios. Nas últimas 24 horas detectáronse 525 positivos por Covid-19, deles 137 na área de Vigo, e xa superamos os 7.000 casos activos ao chegar a 7.074, o que supón un incremento de máis de mil desde a pasada sexta feira.

Así se desprende dos datos actualizados na mañá na web da Consellería de Sanidade con cifras até as 18,00 horas de onte, nas que se constata que esta segunda onda rexistra a cuarta cifra máis elevada da pandemia en Galiza en canto a positivos confirmados por PCR en 24 horas cos 525; após os 687 do sábado 24 de outubro, os 603 da segunda feira pasada e os 597 do domingo 25. Na primeira, o volume maior corresponde ao 29 de marzo, con 516.

Por áreas sanitarias, detectáronse 137 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas; 86 na da Coruña e Cee; 73 na de Ferrol; 69 na de Ourense; 66 na de Pontevedra e O Salnés; 60 na de Santiago e Barbanza; e 34 na de Lugo.

En canto aos casos activos, que aumentan en todas as áreas sanitarias galegas, soben en 115 na de Vigo até os 1.358; a de Ferrol suma 58 até os 546; a de Pontevedra rexistra 727 -44 máis-; a da Coruña conta con 1.201 -outros 34 máis-; a de Ourense sobe en 33 até os 1.423; e a de Santiago e Barbanza ten 1.128, o que supón seis máis que a segunda feira.

Até a data na Galiza leváronse a cabo 646.233 PCR fronte ás 640.621 contabilizadas a xornada anterior.

Galiza rexistra até a data 880 falecidos con Covid-19, após notificar Sanidade esta segunda feira a morte de 12 persoas con coronavirus, o que supón a maior cifra de falecementos comunicados nunha xornada nesta segunda onda da pandemia.

En todo caso, este número de vítimas mortais é o máis alto comunicado nunha mesma xornada desde o pasado 26 de abril, cando Sanidade informou de 15 falecidos. O día con máis mortos en toda a pandemia notificados foi o 3 de abril, con 27.